Estás en:Emprego Novas

Xosé Regueira: “Estamos seguros de que a alianza turismo e territorio vai dar grandes resultados e incrementar a aposta pola sustentabilidade”

Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A artesa da moza crecha de Betanzos, Óscar Galandum da Taberna Bardancas de Cariño, e Antonio Díaz Calvo de Gastofood AUTGA de Cabanas, son os cociñeiros e cociñeiras encargadas de cociñar en directo no posto da Deputación na segunda xornada do Fórum de Barcelona

O sumiller Alberto Varela vai explicando a historia dos viños da Coruña en cada sesión e, esta tarde, ofrece unha cata para dar a coñecer caldos procedentes de Betanzos, Rianxo e A Pobra do Caramiñal

Xosé Regueira: “Estamos seguros de que a alianza turismo e territorio vai dar grandes resultados e incrementar a aposta pola sustentabilidade”

"Estamos seguros que a alianza e o compromiso entre a promoción turística e o territorio vai dar grandes resultados e que imos conseguir que moita xente volva mirar para as potencialidades do rural e, mesmo, que se aposte máis por iniciativas concibidas con parámetros de sustentabilidade e de economía circular". Así resumiu o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, o obxectivo da campaña de promoción que o seu departamento está a realizar durante as tres xornadas do Fórum Grastonómic de Barcelona.

Os produtos "que saben" están a concentrar no posto institucional un gran número de público xa desde a apertura de portas do recinto, con numerosas visitas de medios e xornalistas de medios especializados en turismo e gastronomía. Baixo o selo 'A provincia que sabe', nesta segunda xornada, o programa de cociña en directo iniciouse co showcooking de Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A artesa da moza crecha de Betanzos, que utilizaron nas súas receitas produtos da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Os showcookings deste martes tamén inclúen cociñeiros do territorio de Ortegal como Óscar Galandum da Taberna Bardancas de Cariño e Antonio Díaz Calvo do Gastrofood AUTGA de Cabanas.

Os viños da Coruña, os grandes descoñecidos
"Os viños da Coruña son seguramente os máis descoñecidos de Galiza" asegura o sumiller Alberto Varela, quen engade "pero A Coruña ten unha relación histórica co viño moi estreita e máis ampla".

Alberto Varela é o encargado de explicar no posto  provincial a historia dos viños da provincia que se remonta "ao século XII, cando Betanzos e o Ribeiro eran as dúas zonas de máis prestixio en canto a calidade dos viños de toda Galiza e, ademais, daquela o viño galego saía todo polo porto da Coruña cara ao País Vasco, Navarra, Asturias e Inglaterra".

Ademais de contextualizar os viños que se serven con cada showcooking, tamén ofrece unha cata na que deu a coñecer os tintos 'Xeixelo" da IXP Betanzos, 'Vulpes Vulpes' da Pobra do Caramiñal (IXP Barbanza e Iria), 'Cazapitas' de Rianxo, e o tinto mencía "Ribeiras de Armea" de IXP Betanzos. "Os viños da Coruña caracterízanse por unha caste moi pouco coñecida que é o branco lexítimo, unha caste que se caracteriza polo seu carácter atlántico, as súas notas máis cítricas, más frescas e unha acidez ben entendida". Ademais da IXP Betanzos, Alberto Varela tamén explicou que "na zona de Rianxo e A Pobra do Caramiñal o branco lexítimo ten mestura con albariño e cunha variedade moi pouco coñecida que é moi típica desa zona que se chama "ratiño", que é uva moi pequeniña e moi pouco agradable á vista pero que acabou facendo grandes viños". "O viño de Coruña ten moitas historias que contar e incluso moi descoñecidas para a xente da Coruña" asegurou.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X