Estás en:Emprego Novas

O showcooking de Beatriz Sotelo con produtos gourmet “que saben” triunfa na Feira Etiqueta Negra de Pontevedra

A cociñeira do grupo Nove e recoñecida cunha Estrela Michelín, Beatriz Sotelo, realizou unha demostración de cociña en directo con produtos de proximidade da provincia da Coruña no marco da estratexia de promoción gastronómica da Deputación "A provincia que sabe"

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira salientou a capacidade "da nova fornada de cociñeiros e cociñeiras da Coruña que nos están axudando a captar un perfil turístico máis responsable e que vén buscando os saberes e os sabores do noso territorio"

O showcooking de Beatriz Sotelo con produtos gourmet “que saben” triunfa na Feira Etiqueta Negra de Pontevedra

A área de Turismo da Deputación da Coruña remata este domingo a súa semana de promoción en feiras gastronómicas na Feira do Gourmet Galego 'Etiqueta Negra', en Pontevedra. Baixo o paraugas da estratexia de promoción "A provincia que sabe', a área provincial que dirixe o vicepresidente, Xosé Regueira, participou en 'Etiqueta Negra' da man da cociñeira do grupo Nove e recoñecida cunha Estrela Michelín, Beatriz Sotelo, quen dirixiu un showcooking no que realizou un variado de tapas con produtos gourmet procedentes da provincia da Coruña, como xudión de Coristanco, choco de Ferrol, requeixo da Capela ou xenebra de Vedra.

Xosé Regueira, que foi o encargado de presentar a sesión, salientou "que na Coruña contamos con cociñeiras como Beatriz Sotelo, que ademais de ser a muller máis nova en conseguir unha Estrela Michelín, agora se está encargando de formar profesionais da cociña e, de feito, xa temos unha nova fornada de cociñeiros e cociñeiras que nos están axudando a captar un perfil turístico máis responsable e que vén buscando os saberes e os sabores do noso territorio". Neste sentido, o vicepresidente lembrou que a estratexia de promoción "A provincia que sabe" está destinada a poñer en valor "o bo saber da xente que está innovando no sector agroalimentario, producindo alimentos singulares e de moi boa calidade e que, ademais de dar novas oportunidades ao medio rural, tamén permite chegar a un segmento turístico que procura o compromiso coa sustentabilidade".

Durante o showcooking, Beatriz Sotelo salientou a importancia da formación, xa que ela mesma é formadora e realizou a sesión axudada por parte do seu alumnado, ao tempo que fixo unha chiscaleda aos seus propios estudos na escola de cociña pontevedresa Carlos Oroza.

O variado de tapas que elaborou en directo comezou cunha masa de arroz rechea de choco de Ferrol; e continuou con xudión de Coristanco con tallaríns de lura; salmón mariñado con encurtidos galegos de cogombros, chiles e pemento e con crema de requeixo da Capela; faba da Costa da Morte con setas e crema de boletus; pescada da costa da Coruña con escabeche branco e chícharos; unha orixinal pre-sobremesa de gintonic con xenebra de Vedra con xelatina de xenebro; e unha sobremesa de biscoito de améndoa con crema de queixo e manteiga afumada e servido con praliné de froitos secos e mandarina. Todas os legumes utilizados no showcooking procedían dos produtores de Coristanco 'A Despensa D'Lujo', tamén presentes na feira como expositores.

Convén lembrar que a Feira Etiqueta Negra é a única en toda Galiza especializada no gourmet e na innovación agroalimenaria, e nesta edición reúne a 80 produtores e produtoras, das cales 20 participan por primeira vez.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X