O Plan Único da Deputación financia as obras de reurbanización do núcleo de Cahóns, no Concello de Teo
As obras supoñen un investimento de 276.000 euros, dos que 221.000 € son proporcionados pola Deputación
Inclúe a renovación das rúas interiores e a dotación de novas redes de abastecemento de auga potable e saneamento
O Plan Único da Deputación da Coruña financia as obras de reurbanización e dotación de servizos de abastecemento de auga e saneamento no núcleo rural de Cachóns, no termo municipal de Teo.
As obras, que xa están en fase de licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado, suporán un investimento de 276.000 euros, dos que 221.000 serán proporcionados pola Deputación a través do Plan Único (POS+2022), o principal programa de financiamento de obras e servizos da institución provincial.
As obras permitirán amañar e renovar todas as rúas interiores da aldea de Cachóns, na parroquia de Santa Baia de Oza, así como dotar as vivendas da infraestrutura necesaria para dispor de abastecemento de auga potable e evacuación de augas pluviais e residuais naquelas casas que non dispoñan actualmente deste servizo.
Todas as pistas interiores contarán con novo pavimento que, segundo a zona, será de formigón con acabado superficial rugoso e delimitado en varios tramos con franxas transversais de lastro de formigón de cor gris.
Implantarase unha nova rede de abastecemento de auga potable e completarase a rede de saneamento e augas residuais e fecais, dando servizo a todas as vivendas existentes e aos solares vacantes de edificación. Para iso, renovarase case totalmente a rede de pluviais e instalarase tamén a infraestrutura necesaria para soterrar o cableado do alumeado público, mellorando así tamén a estética do lugar.
As obras permitirán maior seguridade, accesibilidade e comodidade para os veciños nas rúas interiores de Cachóns, así como contar con servizos básicos como o abastecemento e saneamento.
Con máis de 3.000 obras financiadas na provincia nos últimos cinco anos, 1.259 delas melloras de accesos a núcleos rurais coma este que se executará en Teo, o Plan Único contribúe a mellorar os servizos e infraestruturas dos concellos da provincia.