Estás en:Emprego Novas

A Deputación proporá ante a Asociación de Concellos do Xeoparque de Ortegal a recuperación do Carreiro do Plantío

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación veciñal Porto do Cabo e da Asociación de turismo sostíbel de Galicia para coñecer as posibilidades de recuperación desta senda que transcorre pola beira esquerda do río Mestas

A Deputación proporá ante a Asociación de Concellos do Xeoparque de Ortegal a recuperación do Carreiro do Plantío

A área de Turismo da Deputación da Coruña proporá ante a Asociación de Concellos do Xeoparque de Cabo Ortegal unha actuación encamiñada a recuperar e poñer en valor o Carreiro do Plantío. Este foi o principal acordo tomado esta mañá nunha xuntanza mantida en Valdoviño entre o vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, e representantes das dúas asociacións impulsoras do proxecto: a Asociación de turismo sostíbel de Galicia e a Asociación veciñal de Porto do Cabo –que inclúe veciñanza de Cerdido, Cedeira e Valdoviño-. Así, por parte da Asociación de turismo sostíbel de Galicia participou no encontro o presidente desta entidade, José Picallo, e por parte da Asociación veciñal de Porto do Cabo participaron membros da directiva dos tres concellos, Pedro Grandal de Cedeira, Francisco García de Cerdido e Sara Quintiá e Fernando Pita de Valdoviño.

Durante a xuntanza, Xosé Regueira explicou que esta proposta "encaixa na filosofía dos obxectivos estratéxicos do territorio do Xeoparque, sobre todo no relativo á posta en valor de recursos naturais e culturais con singularidade propia, reforzando a identidade cultural e histórica desta contorna en concreto." Neste sentido, os impulsores da proposta de recuperación do Carreiro do Plantío basean este proxecto, non só no seu valor medioambiental, senón tamén na carga histórica e de memoria comunitaria que atesoura.

O Carreiro do Plantío funcionou como unha vía de comunicación vital durante séculos percorrendo a beira esquerda do río Mestas e unindo o núcleo de poboación de Porto do Cabo co Puntal, até cruzarse coa estrada AC-566. Desde a Asociación veciñal explicaron que esta senda era transitada pola poboación das aldeas da contorna do camiño de Santo André para ir vender a Cedeira. Esta especie de ruta comercial levaba aparelladas paradas en negocios de Porto do Cabo ou no Puntal, ou mesmo en negocios ao pé do camiño especificamente destinados a fornecer aos viaxeiros. Neste percorrido, ademais de establecementos dedicados a mercadorías de uso diario, tamén hai constancia de que da existencia de postos de venda de sal, de actividades de pesca de cangrexos para vender nas cidades, e de extracción de minerais e de madeira, que se destinaba principalmente á Coruña.

A proposta inclúe unha actuación nunha ruta de algo menos de 2 km –desde Porto do Cabo ao Puntal-, que inclúe aos tres concellos e que actualmente está en estado de semi-abandono. Segundo apuntou Xosé Regueira o proxecto será trasladado á Asociación de Concellos do Xeoparque de cara a acometer primeiro un convenio intermunicipal e posteriormente un proxecto técnico que inclúa a mellora ambiental, cun control da erosión e de eliminación de vexetación non autóctona, e accións encamiñadas a mellorar o seu uso recreativo, cultural e didáctico.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X