Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, pecha o programa de showcookings da Deputación na Feria de Bilbao
A área de Turismo estivo presente esta fin de semana na cita anual da feira de tendencias turísticas "Expovacaciones" promocionando a calidade e a singularidade da gastronomía da provincia e ofrecendo información sobre recursos turísticos dos oito xeodestinos da provincia
O cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa de Boiro, é o encargado de poñerche o broche final ao programa de showcookins co a Deputación da Coruña está participando na Feira de tendencias turísticas "Expovacaciones". Unha serie de demostracións de cociña en directo que se levan realizando durante a fin de semana no stand da Deputación na Feira de Bilbao e que, seguindo na liña dos últimos anos, está concentrando unha gran cantidade de público interesada pola gastronomía da provincia.
Nesta última xornada de feira, no showcooking da mañá, Miguel Mosteiro elaborou unha croqueta líquida de chocos na súa tinta e panko crocante, e unha tosta de broa con sardiñas de Rianxo, escalibada e maionesa de pementos de Herbón; mentres que para a xornada da tarde, leva unha receita de xurelo braseado con crema de apionabo e allada, e mexillóns con salsa de curry tailandés.
Ademais das sesións de showcookings para promocionar a gastronomía de calidade e sustentable como un recurso turístico, nesta cita internacional a área de Turismo da Deputación volve participar cun espazo no que ofrece información xenérica dos oito xeodestinos da Coruña.
Convén lembrar que na primeira xornada de feira fora o cociñeiro Miguel Giaquinto, da trattoria-pizzería Vesubio de Carballo, o encargado de dar a coñecer o produto culinario da Costa da Morte; mentres que na segunda o protagonismo fora para Antonio Amenedo, do Pazo Santa Cruz de Mondoi en Oza-Cesuras, quen foi encargado de poñer en valor a gastronomía e o produto culinario da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Cada cociñeiro realizou dúas sesións de cociña en directo, unha ao mediodía e outra pola tarde, nas que ademais de promocionar a gastronomía, tamén dan a coñecer outros recursos das súas respectivas comarcas.