O encoro de Beche foi o escenario da VI edición da feira “Primavera no Camiño Inglés”, organizada pola Deputación da Coruña
O evento reuniu os 18 concellos polos que transcorre o Camiño na súa vertente inglesa, coa intención de crear sinerxias e compartir experiencias
A asociación de Concellos do Camiño Inglés premiou o apoio do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, polo seu apoio ao desenvolvemento desta ruta xacobea, a que máis crece en número de peregrinos
O encoro de Beche, no Concello de Abegondo, acolleu este sábado, 10 de xuño, a sexta edición da feira "Primavera no Camiño Inglés" para promocionar os diferentes atractivos dos municipios polos que transcorre o itinerario que finaliza na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña foron as encargadas de organizar este evento, que cada ano se traslada a un municipio diferente, e que contou coa presenza de representantes de cada un dos 18 concellos polos que discorre este itinerario xacobeo.
O acto de inauguración correu a cargo de Antonio Leira, deputado en funcións de Economía e Facenda, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás,e José Antonio Santiso, alcalde en funcións do Concello de Abegondo. Asistiron tamén os alcaldes de Culleredo, Miño, Neda, Carral, Mesía, Oroso, Fene e Fisterra, entre outros.
Segundo indicou o deputado provincial, Antonio Leira, "desde a Deputación da Coruña promovemos a reunión dos dezaoito municipios cada ano co obxectivo de fomentar sinerxias e compartir experiencias á hora de poñer en valor o Camiño Inglés e fomentar a súa promoción turística ao longo de toda a provincia".
Como apuntou Leira, "estamos a falar da ruta xacobea con maior crecemento nos últimos anos en canto ao número de visitantes, grazas tamén á colaboración que estamos a levar a cabo entre as diferentes administracións para mellorar tanto o seu itinerario como a súa promoción".
Por último, o deputado engadiu que "o camiño tamén é unha forma de dar a coñecer o noso patrimonio, a nosa gastronomía e a nosa cultura, posto que os peregrinos e peregrinas que se achegan ata este encoro de Beche, que proban a tortilla de Betanzos ou que visitan Ferrol durante a súa Semana Santa, despois exportan esas experiencias ao resto do mundo".
O presidente da Asociación de Concellos, Manuel Mirás, destacou o traballo conxunto das administracións para promocionar o Camiño e destacou que en Reino Unido hai xa 400 quilómetros sinalizados de ruta do Camiño Inglés.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, declarou que" é todo un pracer para o noso Concello ser a sede desta feira, que serve como encontro para compartir coñecementos con outros municipios sobre o Camiño Inglés e as súas posibilidades turísticas.
O rexedor incidiu na importancia de "fomentar a colaboración entre as administracións públicas para seguir mellorando na promoción deste itinerario".
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés premiou ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, polo seu apoio ao desenvolvemento e promoción desta ruta xacobea, que ano tras ano se consolida como a que máis medra en número de peregrinos. O galardón recolleuno o deputado provincial, Antonio Leira.
A Primavera no Camiño Inglés contou con postos de cada un dos concellos e actividades para todos os gustos e idades
Ao longo de todo o día puidéronse visitar cada un dos dezaoito postos colocados polos concellos polos que transcorre o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) baixo unha gran carpa no encoro.
A programación de actividades dividiuse en tres espazos diferentes: o Escenario Primavera, que era o espazo institucional e feira turística; o Espazo Lúdico Primavera, que acollía os obradoiros infantís e actividades culturais e o Escenario Rede Estelar que é a localización dedicada á gastronomía e ao mercado artesanal.
Durante a xornada sucedéronse as mostras de artesanía tradicional, showcookings en vivo e degustacións de distintos produtos típicos dos lugares do Camiño. A oferta completouse con actuacións de música en vivo, rutas a cabalo e en bicicleta, un mercado de produtos locais, e diversos obradoiros para todos os públicos.