Catrocentos nenos e nenas da provincia participan desde o domingo nos campamentos deportivos da Deputación
A primeira quenda iníciase este domingo cos rapaces de Abegondo, Ares, Betanzos, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Irixoa, Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Paderne, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior
Durante unha semana de estadía na residencia do IES Rosalía Mera da Coruña gozarán de actividades deportivas, culturais e excursións
Catrocentos nenos e nenas dos 93 concellos da provincia da Coruña gozarán este verán dos campamentos deportivos da Deputación, que comezan este domingo, 2 de xullo.
Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, situado na cidade da Coruña, en 4 quendas de seis días de duración.
Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en zonas de interese na provincia da Coruña. As actividades e xogos buscarán en todo momento fomentar a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, definiu o programa como "unha proposta deportiva e de ocio moi completa para que todos os nenos e nenas poidan gozar dun verán cheo de actividades, aprendizaxe e ademais compartan vivencias con novos compañeiros e compañeiras".
Entre o equipamento recomendado pola organización para a estadía dos rapaces figura roupa de rúa e deportiva, toallas e útiles de aseo, saco de durmir e lanterna, gafas de sol, crema protectora, chuvasqueiro e mochila.
As quendas son as seguintes:
1ª quenda (do 2 de xullo ao 7 de xullo): Abegondo, Ares, Betanzos, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Irixoa, Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Paderne, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.
2ª quenda (do 9 ao 14 de xullo): Aranga, Arteixo, Arzúa, Bergondo, Boimorto, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Frades, Melide, Mesía, O Pino, Oleiros, Ordes, Oroso, Oza-Cesuras, Sada, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vilasantar.
3ª quenda (do 16 ao 21 de xullo): Ames, a Baña, Boiro, Dodro, Lousame, Negreira, Noia, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago, Teo, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Vedra.
4ª quenda (do 23 ao 28 de xullo): Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, A Coruña, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Outes, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.