Cedeira inaugura a Campaña de Vela da Deputación da Coruña na que participan 240 nenos e nenas este verán
A programación inclúe cinco sedes máis, en Neda, As Pontes de García Rodríguez, A Pobra, Corcubión e Cerceda
Cedeira inaugura estes días a primeira quenda da Campaña de Vela 2023 da Deputación da Coruña, na que participarán preto de 240 nenos e nenas de distintos municipios da provincia ao longo do verán. Os cursos, que se levan a cabo do 17 de xullo ao 25 de agosto en seis quendas, inclúen a iniciación nos conceptos teóricos de náutica e prácticas de navegación a vela.
O Concello de Cedeira puxo a disposición o Club de Remo Cedeira, no camiño da Arealonga, para impartir este primeiro ciclo dos cursos, que se leva a cabo desde o pasado luns ata este venres, 21 de xullo. Cinco días nos que 25 escolares de 9 a 17 anos poderán adquirir coñecementos básicos sobre a navegación neste tipo de embarcacións.
Con esta iniciativa búscase fomentar a práctica deportiva e o respecto polo medio mariño entre os máis pequenos.
Quendas
As cinco quendas restantes terán lugar en diferentes municipios. A segunda parada será Neda, do 24 ao 28 de xullo, e a terceira As Pontes, do 31 de xullo ao 4 de agosto. A penúltima parada será Corcubión, do 14 ao 18 de agosto, e a última Cerceda, do 21 ao 25 de agosto. Para estas quendas aínda están abertas as inscricións, ata o 2 e 9 de agosto respectivamente.
A Campaña de Vela foi posta en marcha un ano máis co obxectivo de fomentar a práctica dos deportes náuticos. Está dirixida a rapaces e rapazas da provincia nados entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2014.