Estás en:Emprego Novas

O vicepresidente da Deputación pon en valor na Gala do Turismo Barbanza Arousa o potencial turístico do territorio

Este acto da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa acolleu a entrega das certificacións de calidade dos destinos turísticos SICTED ás empresas participantes

Xosé Regueira destacou o apoio da Deputación ao proxecto do Destino Barbanza Arousa, e tamén o financiamento ao territorio, que xira en torno aos 100.000€ anuais dende 2015

O vicepresidente da Deputación pon en valor na Gala do Turismo Barbanza Arousa o potencial turístico do territorio

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, acudiu este martes á Gala do Turismo Barbanza Arousa, onde se entregaron os selos de calidade SICTED ás empresas e servizos turísticos participantes, salientando o potencial turístico de Barbanza e Arousa e o apoio da entidade provincial tanto ao proxecto como ao territorio, que rolda os 100.000€ anuais dende 2015 para a mellora da calidade e competitividade.

A Mancomunidade Barbanza Arousa, que se adheriu ao proxecto SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) este ano, recoñeceu así neste acto o bo facer dos diferentes axentes participantes en prol da mellora calitativa deste destino turístico.

É o caso das praias pobrenses de Lombiña – Cabío e Os Areos e a ribeirense de Coroso; o Centro Arqueolóxico de Barbanza, a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e o Museo Valle – Inclán e as oficinas de información turística da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira, que son algunhas das certificacións, así como diferentes empresas que conseguiron o distintivo como portos deportivos, aloxamentos rurais, restaurantes, vivendas turísticas, unha sala de concertos, unha adega e un servizo de transporte turístico.

O vicepresidente Xosé Regueira sinalou que este proxecto encaixa á perfección coa estratexia de turismo da Deputación, onde se prima a calidade como un eixo fundamental en calquera destino turístico solvente da provincia da Coruña. Neste sentido, puntualizou que "contar co selo SICTED, que tamén se está implantando en outros moitos destinos da provincia, é unha garantía absoluta de excelencia".

Tamén destacou o apoio da Deputación tanto a este territorio como ao resto da provincia para o seu desenvolvemento turístico, afirmando que "as cifras turísticas dan boa mostra de que a axuda está servindo para que os destinos sexan competitivos e atractivos no escaparate turístico de Galicia".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X