Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña promociona en Ourense “A provincia que sabe”

A área de Turismo da Deputación da Coruña participa en Xantar Ourense cunha programación centrada no xeodestino da Costa da Morte do 2 ao 5 de novembro

A entidade contará cun stand propio con diferentes actividades e coa presentación da nova guía turística da provincia da Coruña a cargo do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira

A Deputación da Coruña promociona en Ourense “A provincia que sabe”

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar Ourense recibirá entre o 2 e o 5 de novembro a visita da Deputación da Coruña que, baixo a súa marca turística e gastronómica "A provincia que sabe", participará cunha programación centrada no xeodestino da Costa da Morte. Ademais, o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, presentará a nova guía turística da provincia da Coruña o sábado 4 ás 12h.

Exhibindo a Costa da Morte
A Costa da Morte viaxará así ata Ourense para exhibir os produtos máis característicos de concellos como Vimianzo, Mazaricos, Carballo ou Ponteceso. Os callos de Carnés (Vimianzo), os percebes do Roncudo (Corme), os vermús da Ruta do Vermú de Inverno (Carballo) ou o bolo do pote mazaricano, entre outros, poderanse degustar nesta nova edición de Xantar Ourense, na que a Deputación da Coruña optou por participar cun novo formato, centrado nunha das zonas da provincia.

Representando cada día un municipio diferente, o xoves 2 estará dedicado a Vimianzo; o venres 3, a Mazaricos; o sábado 4 a Carballo e o domingo 5, a Ponteceso.

Showcookings e mostras de produtos locais
Recoñecidos cociñeiros da Costa da Morte impartirán diferentes showcookings e degustacións con alimentos locais. Ademais, produtores dos catro concellos estarán exhibindo os seus produtos máis representativos: repostería, artesanía, carnicería, produtos lácteos, chocolates, cafés, cestas... son algúns dos exemplos que se poderán atopar este ano en Xantar Ourense.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X