O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destaca no Fairway a importancia da alianza entre turismo e veciñanza
Xosé Regueira participou na mesa debate "Veciños, turistas e peregrinos, condeados a entenderse"
O V Fórum do Camiño de Santiago celébrase na capital galega entre o 1 e o 3 de novembro
Fairway, o V Forum do Camiño de Santiago, que se celebra na capital galega entre o 1 e o 3 de novembro, acolleu a mesa debate "Veciños, turistas e peregrinos, condenados a entenderse", na que participou o vicepresidente e deputado de turismo da Deputación, Xosé Regueira.
Nun espazo no que se compartiron impresións sobre a convivencia entre turistas e residentes de Santiago, Regueira sinalou a importancia dunha alianza entre ambos, xa que "o turismo solo é bo se beneficia á poboación local", destacaba. Ademais, apuntaba a necesidade dunha maior pedagoxía por parte de todo o sector turístico. "É fundamental trasladar o relato do que representa o turismo nas nosas vidas: benestar, emprego, riqueza, diversidade...".
Outro dos aspectos nos que Regueira puxo o foco foi na importancia da planificación turística para a boa convivencia cos residentes. "A poboación local ten que ser protagonista na planificación turística", apuntaba. "Hai que planificar cidade, diso depende a saúde dos residentes. Orientar fluxos e non limitar todo aos espazos históricos. Deseñar espazos urbanos de calidade onde se poida dirixir o turismo polo seu atractivo", engadía. E, para iso, sinalaba, "falta gobernanza". Puxo así fincapé na necesidade de facer uso das "ferramentas administrativas para solucionar os problemas"
Na mesa "Veciños, turistas e peregrinos, condenados a entenderse", participaron, ademais, a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago Fisterra – Muxía, Aurea Domínguez; o presidente da Asociación Profesional de Turismo da Costa da Morte, Pepe Formoso; o presidente do Camiño Francés Federación, Miguel Pérez Cabezas; a directora xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; a responsable da asistencia Téc. da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago Fisterra – Muxía, Lanzada Calatayud e a presidenta da Asociación de A Xuntanza de San Pedro, Montserrat Villar.
Este espazo serviu de punto de encontro para a reflexión conxunta por parte dos diferentes axentes implicados: sector privado, administracións públicas e asociacións veciñais. Todos eles coincidiron na necesidade da conciliación para a boa convivencia entre residentes e turistas.