‘A provincia que sabe’ brilla na primeira xornada do Fórum Gastronómic de Barcelona
As actividades da área de Turismo da Deputación da Coruña, entre as que están a elaboración da queimada, showcookings e charlas, transcorren con gran éxito na primeira xornada do Fórum
Os cociñeiros Pepe Senande, do restaurante "A Muradana de Muros" e Adrián Loureiro e Alberto Cuenda, de "Furna Atlántica de Caión" (A Laracha) protagonizan os showcookings de hoxe
Os asistentes ao posto da Deputación no Fórum Gastronómic de Barcelona están a participar nesta primeira xornada nas actividades desenvolvidas pola área de turismo para exhibir a riqueza gastronómica da provincia da Coruña. Baixo o selo 'A provincia que sabe', a entidade leva a cabo showcookings, degustacións, exposicións e ata unha queimada.
Todo iso, da man de cociñeiros, profesionais e produtores locais, que aproveitan o escaparate que supón este gran evento gastronómico para exhibir o seu bo facer. "Nun Fórum repleto de xente, con moito público profesional que vén na busca de novas e diferentes maneiras de elaborar o produto", apunta o vicepresidente da Deputación e deputado de turismo, Xosé Regueira.
Showcookings e degustacións
Os fogóns de Pepe Senande, do restaurante "A Muradana de Muros" inauguraron os showcookings desta edición, cun menú composto por un risotto de centola da ría e tempura de berberechos e alioli de alga percebe, que conquistou os padais de todos os asistentes, nunha xornada que comezou coa degustación dos vermús green Mixology e Bravú. Continúa cunha degustación de fabada celta a cargo da Despensa D'Lujo, para posteriormente celebrar unha cata comentada a cargo de Juan Chamorro, enólogo de Adega Cazapitas.
A queimada arde no Fórum
O prato forte deste ano é a elaboración do ritual tradicional da queimada, que arderá no Fórum ás 16:00 horas da man de Miguel Queiro e Gonzalo Viñas. Esta actividade repetirase os tres días á mesma hora.
Para finalizar o día, os cociñeiros Adrián Loureiro e Alberto Cuenda, de Furna Atlántica de Caión (A Laracha) cociñarán unha caldeirada de peixe de tempada de Caión ao estilo tradicional, e un molete de tenreira galega ao estilo da Furna.
"Sabores e saberes" tradicionais
Ademais das propias degustacións, o posto de Turismo da Deputación da Coruña dá cabida a varias marcas de produtos agroalimentarios da provincia, que están presentes de forma permanente durante os tres días de Fórum:
- A Conserveira: conservas de peixes e mariscos de alta calidade
- A Despensa D´Lujo: legumes, patacas e produtos da horta directamente do campo
- Bonilla a la vista: patacas de máxima calidade fritidas con aceite de oliva e sal mariño
- Costumes Galicia: empanadas artesanais elaboradas a man coa mellor receita tradicional
- Queixo Galmesán: queixo de pasta dura cocida no que a súa elaboración segue a técnica dos queixos tradicionais de pasta prensada cocida e de longa maduración
- Choiva Viños: Todos os viños elaborados na provincia da Coruña
Produtores e profesionais de primeiro nivel
Todos estes produtos que se exhiben no Fórum Gastronómic son de primeiro nivel, algúns deles contan con galardóns internacionais. Exemplo diso son A Despensa D'Lujo que, dende Carballo, abastece cos seus alimentos locais os mellores restaurantes de todo o Estado (El Celler de Can Roca, Diverxo, Restaurante Gaytán...). E o queixo Galmesán, que foi premiado este ano nos World Cheese Awards como un dos 17 mellores queixos españois.
"Para os produtores é moi interesante participar neste tipo de eventos moi especializados, onde se valoran especialmente os produtos moi vinculados aos territorios" afirma Regueira. "Ademais de darlles visibilidade, atopan novas oportunidades de negocio e posibilidades de crecemento".
A Deputación inaugura así o seu stand deste ano no Fórum Gastronómic, cunha programación que continuará mañá día 7 e pasado mañá, día 8, que seguirá o mesmo formato. Durante os 3 días, representaranse catro xeodestinos (Ría de Muros - Noia; Costa da Morte; Ferrolterra e As Mariñas) da man de cociñeiros, produtos e empresas que os representan gastronómica e socialmente.