Estás en:Emprego Novas

Turismo da Deputación presenta en Valladolid “A provincia que sabe”

A Deputación participa na Feira Internacional de Turismo de Interior INTUR, que se celebra en Valladolid do 16 ao 19 de novembro

A entidade promocionará "A provincia que sabe" nun stand con información de diferentes concellos e entidades e con showcookings e degustacións

Turismo da Deputación presenta en Valladolid “A provincia que sabe”

A área de Turismo da Deputación levará a Valladolid a súa marca gastronómica e turística "A provincia que sabe", onde participará na Feira Internacional de Turismo de Interior INTUR dende o 16 ata o 19 de novembro. Alí estará promocionando a riqueza turística e gastronómica da provincia nun stand no que ofrecerá información de diferentes destinos, así como showcookings e degustacións durante os tres días de feira.

"O interior da provincia da Coruña é un gran descoñecido, e exhibirémolo nesta feira, na que se poderán coñecer algúns dos nosos atractivos como o concello de Arzúa, o Camiño Inglés ou as Mariñas Coruñesas – Reserva de Biosfera" sinala o vicepresidente da Deputación e deputado de turismo, Xosé Regueira. "E, como para nós, turismo e gastronomía van da man, participamos en INTUR cunha programación que xunta ambas temáticas" engade.

Exhibindo o noso interior
O stand da Deputación contará con diferentes mostradores institucionais nos que se ofrece información sobre algúns dos destinos de interior máis atractivos da provincia. Así, entidades como o Concello de Arzúa, Mariñas Coruñesas Reserva de Biosfera, Asociación de concellos do Camiño Inglés e a propia Deputación da Coruña estarán exhibindo os seus potenciais turísticos.

Saboreando a provincia
Ademais, haberá diferentes showcookings durante os tres días en dous pases: ao mediodía e pola tarde. O primeiro día, dedicado ao xeodestino Ulla – Tambre – Mandeo, a cociñeira Concha Casares de "Casa Alongos de Melide" preparará carne ó caldeiro e tostas de nabiza con queixo de Arzúa – Ulloa e chourizo de porco celta "celtagal". O sábado 18 centrarase na Costa da Morte, e Óscar Freire, de "A Marina de Camariñas" cociñará mexillóns da ría de Camariñas – Muxía cocidos con auga de mar e allada en cru, e polbo de Camariñas sobre crema de patacas de Coristanco. E, para rematar, o domingo o xeodestino de Terras de Santiago estará representado por Brigida Hermida da xeadería Xearte Brigitte, que elaborará xeado de queixo de Arzúa con melindres de Melide e licor café, filloa de Lestedo con xeado de mel das Fragas do Eume e noces, e Terra de pan de Carral con Xeado de chocolate amargo e aceite de oliva galego.

Ademais, todos os días de 12h a 16h ofrecerase unha degustación de café arábica 100% natural a cargo de Cafés Aruba da Coruña.

Dende turismo da Deputación, convidan a todos os asistentes a "visitar o noso stand para coñecer o interior da provincia da Coruña, e saborear algúns dos xeodestinos da man de chefs de primeiro nivel" sinala Regueira.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X