Estás en:Emprego Novas

A Deputación e o Concello de Carnota apostan pola promoción dos produtos locais do mar

A deputada do Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, reuníronse coa confraría de Carnota para coñecer as súas necesidades

Capelán destacou "a calidade excepcional" dos produtos do mar de Lira e da Reserva Mariña dos Miñarzos

A Deputación e o Concello de Carnota apostan pola promoción dos produtos locais do mar

A deputada do Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou hoxe a confraría de Lira xunto ao alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido Rama e a concelleira Merche Noceda.

Capelán, Saborido e Noceda visitaron as instalacións e mantiveron unha reunión de traballo co patrón maior, Mariano Lago, e a secretaria do pósito para abordar a situación da confraría e as súas necesidades.

"Foi unha reunión moi produtiva, realizada a petición do alcalde, co motivo de que, por primeira vez, a Deputación da Coruña conte cunha área específica destinada ao sector do mar", explicou a deputada, que sinalou que "vimos de comprobar que o máis de medio millón de euros que destinamos cada ano a potenciar e modernizar as confrarías da provincia da Coruña resultan de grande utilidade para un sector tan importante para a nosa economía como o da pesca e o marisqueo", afirmou Capelán.

A Deputación da Coruña, a través da súa liña de subvencións para confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras, apoia esta ano á confraría de Lira con 20.000 euros para a mellora da comercialización do peixe e marisco local, actividades de dinamización da pesca sostible e contratación de persoal para prestar servizos e trámites aos socios e socias da entidade.

No encontro, Deputación, Concello de Carnota e Confraría trataron fórmulas de colaboración para potenciar a promoción dos produtos locais do mar de Lira como o polbo, a nécora, a navalla ou o percebe, que contan cunha calidade excepcional, en toda a provincia; así como para que a Deputación axude a impulsar a feira anual de degustación dos produtos da Reserva mariña de interese pesqueiro dos Miñarzos, onde se practica unha pesca sostible e artesanal con produtos de primeira calidade.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X