Estás en:Emprego Novas

A Deputación apoia a celebración do Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra Muxía para poñer en valor as súas rutas

O deputado Antonio Leira participou esta mañá na inauguración do congreso, que se está a celebrar durante esta fin de semana en Cee

Este congreso ten como obxectivo poñer en valor o Camiño Fisterra – Muxía e propoñer accións para dalo a coñecer nacional e internacionalmente

A Deputación apoia a celebración do Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra Muxía para poñer en valor as súas rutas

O deputado provincial do Camiño da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou esta mañá na inauguración do Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra e Muxía, que ten lugar esta fin de semana na Casa da Cultura de Cee.

Este congreso, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Fisterra Muxía ten como obxectivo poñer en valor esta ruta e propoñer accións para dalo a coñecer nacional e internacionalmente.

Leira destacou "o gran potencial turístico desta ruta, que conta con localizacións cunha gran beleza paisaxística e patrimonial ao longo de todo o seu percorrido".

A programación abriuse coa mesa redonda "O Camiño Fisterra Muxía. Pasado, presente e futuro, moderada por Paula Cabado, técnica de proxectos da Sección de Turismo da Deputación da Coruña.

A continuación celebrouse a presentación do libro Ata o mar. A prolongación do Camiño a Fisterra e Muxía, presentado por Nieves Pena Sueiro, directora do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña.

A tarde comeza coa segunda mesa redonda, "Os camiños atlánticos", moderada por Lanzada Calatayud, asistenta técnica da ACCCFM. A continuación preséntase o proxecto "Xapón e a Costa da Morte: dous extremos unidos polo sol. Un potencial por descubrir", presentado por Alicia Trejo, consultora turística na Lanzada.

A xornada do domingo abrirase coa terceira mesa redonda, "Innovación, dixitalización e comunicación como base para a internalización do Camiño", moderada por Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña.

A continuación farase a presentación do libro A viaxe á fin do mundo, presentado por Xosé Ameixeiras e, para rematar, proxectarase un panel de experiencias sobre o aproveitamento turístico do patrimonio material e inmaterial local, moderado por María Mesías, consultora en Trivium Estratexias en Cultura e Turismo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X