Estás en:Emprego Novas

Turismo da Deputación continúa promocionando en Fitur a diversidade e autenticidade dos destinos turísticos da provincia

Ademais, o vicepresidente Xosé Regueira tivo unha xuntanza con representantes do goberno de Cantabria e do Xeoparque aspirante de Costa Quebrada para falar da experiencia do Xeoparque Cabo Ortegal

Durante esta segunda xornada, dende a Deputación puxeron en valor o Xeoparque Cabo Ortegal e a aposta turística da Mancomunidade Barbaza – Arousa, entre outras

Turismo da Deputación continúa promocionando en Fitur a diversidade e autenticidade dos destinos turísticos da provincia

Remata a segunda xornada de Fitur, onde a Deputación continúa poñendo en valor a riqueza paisaxística, patrimonial e social da provincia. "Na diversidade temos unha oportunidade: temos un territorio con productos turísticos moi diferenciados que teñen en común a súa autenticidade" apuntou o vicepresidente. "Na Coruña podemos atopar destinos espectaculares e moi diferentes entre si como Ortegal, Barbanza Arousa, Costa da Morte... sen olvidarnos das nosas cidades, tan hospitalarias e humanas, e do noso interior. E, por suposto, tamén gastronomía, patrimonio, cultura, natureza e ocio activo". Unha oferta moi completa e variada, caracterizada pola sostibilidade, presente nesta edición de Fitur.

Esa é, precisamente, a aposta da Deputación. "A nosa estratexia pasa pola alianza cos diferentes territorios, para acompañalos nos seus plans. Non se trata dun modelo unitario porque a nosa provincia é diversa", sinalou. "E temos que abrazar esa singularidade, porque ademais contamos con opcións moi variadas nunha distancia moi curta, e é aí onde temos que focalizar as nosas políticas".

O traballo da Deputación no eido da sustentabilidade turística suscitou, ademais, o interese de Cantabria. Xosé Regueira reuniuse coa conselleira de turismo do goberno de Cantabria, Eva Guillermina, o director xeral de turismo de Cantabria, Gustavo Cubero, e representantes do Xeoparque aspirante de Costa Quebrada, expoñéndolles a experiencia da entidade provincial relativa ao Xeoparque do Cabo Ortegal. Regueira destacou, neste sentido, "o traballo conxunto dos sete concellos cun mesmo obxectivo, o empoderamento da veciñanza e a súa implicación, e a colaboración público privada", como claves do éxito deste proxecto.

Por outro lado, Regueira participou tamén na presentación da Mancomunidade Barbanza Arousa, onde puxo en valor o potencial turístico e cultural da industria conserveira e de toda a comarca. "A nosa identidade é a nosa mellor marca. E, no caso de Barbanza Arousa, a súa memoria conserveira conta cun gran potencial turístico do que debemos sacar peito. É historia, cultura e patrimonio, e debemos promocionalo con orgullo".

Ademais, o vicepresidente estivo coa Mancomunidade de Ordes, falando do xeodestino Terras da Comarca de Ordes, e de como o traballo desta entidade é exemplo dun turismo responsable co medio natural, competitivo e innovador.

Neste segundo día de Fitur tiveron cabida diferentes productos turísticos da provincia que contan co respaldo da Deputación e que son boa mostra desa diversidade á que se refire o vicepresidente: xeoparque Cabo Ortegal, os concellos do camiño Fisterra – Muxía, Barbaza – Arousa e o xeodestino Terras da Comarca de Ordes ocuparon parte da programación de hoxe, un percorrido que continuará por outros puntos do territorio como a Reserva Biosfera Mariñas Coruñesas ou a Costa da Morte, entre outros.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X