Estás en:Emprego Novas

Os mellores chefs da provincia pasan polos fogóns da Deputación en Madrid Fusión

Durante esta primeira xornada o stand da entidade provincial acolleu showcookings dos restaurantes das Garzas, A Maceta, Xearte Brigitte e Sinxelo de Ferrol

Nos vindeiros días, pasarán tamén pola cociña de turismo da Deputación os chefs de Terra de Fisterra, Pementa Rosa, Restaurante Balarés e A Artesa da Moza Crecha

Os mellores chefs da provincia pasan polos fogóns da Deputación en Madrid Fusión

A área de turismo da Deputación despunta en Madrid Fusión coa participación dalgúns dos mellores chefs da provincia, que imparten showcookings protagonizados por produtos de quilómetro cero. Durante a xornada de hoxe, pasaron polo stand da entidade provincial os cociñeiros dos restaurantes As Garzas, de Malpica; A Maceta e Xearte Brigitte, de Santiago e Sinxelo de Ferrol.

Produtos de proximidade
Todos eles ofreceron receitas protagonizadas por produtos moi vinculados aos territorios aos que pertencen, dos diferentes xeodestinos da provincia. Áspic de fiuncho, mazá verde e albahaca; usuzuruki de vieira de Ferrol; xeado de mel das Fragas do Eume con filloa de Lestedo ou fabas con codium foron algúns dos pratos que se puideron degustar hoxe.

Restaurantes de primeiro nivel
A Deputación trata, deste xeito, de poñer en valor a gastronomía da provincia, a través dos profesionais da cociña e da produción agroalimentaria e, ao mesmo tempo, aumentar a súa visibilidade. "Para nós é un orgullo representar a Costa da Morte nun espazo como este", sinalaron desde As Garzas. Do mesmo xeito, desde A Maceta apuntaron que "esta oportunidade que nos ofrece a Deputación é un excelente escaparate para o noso restaurante e para a gastronomía da Coruña". Pola súa parte, Xearte Brigitte afirmou que "a participación neste tipo de feiras é unha motivación, xa que nos permite innovar e continuar mellorando e crecendo". No caso de Sinxelo, destacan a "promoción que supón para un local pequeno como o noso poder asistir a unha feira desta índole da man da Deputación".

Durante as xornadas de mañá e pasado, o stand da Deputación acollerá tamén showcookings do recente gañador da Estrella Michelín Terra, de Fisterra; de A Artesa da Moza Crecha, de Betanzos; do Restaurante Balarés (Ponteceso) e de Pementa Rosa, de Carballo.

Outras actividades
Ademais dos showcookings, a programación da Deputación compleméntase con degustacións de produtos locais como os snacks de A Castrexa e Os Biosbardos, o café de Cafés Aruba ou o panettone de San Isidro Bakery; charlas sobre os viños da provincia coa Adega Entre os Ríos e Choiva Viños e unha masterclass sobre as algas da provincia con Algas Mar de Ardora. Tódolos días rematan, ademais, coa elaboración do ritual tradicional da queimada.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X