Estás en:Emprego Novas

Turismo da Deputación despide Madrid Fusión cun balance moi positivo da súa participación

A entidade provincial exhibiu a súa marca turística e gastronómica "A provincia que sabe" a través do traballo de produtores locais, chefs e outros profesionais do sector

"A nosa gastronomía é un produto turístico en si mesmo que triunfa alá onde vai, e os nosos produtores e profesionais despuntan en espazos como este" apuntou o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira

Turismo da Deputación despide Madrid Fusión cun balance moi positivo da súa participación

Turismo da Deputación despide unha nova edición de Madrid Fusión, e faino cun balance moi positivo en canto á afluencia de público e participación nas diferentes actividades levadas a cabo no seu posto, e tamén no éxito comercial e promocional que tiveron os diferentes produtores que asistiron á feira da man da entidade provincial.

"A nosa provincia triunfa alá onde vai e, nesta ocasión, exhibimos nesta feira tan especializada unha proposta gastronómica e turística da man de produtores, cociñeiros e outros profesionais que fan marca país", sinalou Xosé Regueira. "Queremos apoiar estas pequenas empresas para que o seu traballo sexa coñecido e recoñecido, e o éxito da súa participación en espazos de tan alto nivel como este referendan o seu bo facer".

Esa foi a aposta que definiu a programación da Deputación en Madrid Fusión, centrándose en amosar a materia prima de pequenos produtores locais e as receitas protagonizadas por estes produtos tan vinculados ao territorio desenvolvidas por xefes de cociña de referencia, dous deles con estrela Michelín, e procedentes dos diferentes xeodestinos da provincia.

"Na Coruña hai moito talento, tanto no sector agroalimentario como no gastronómico e queremos presumir del e poñelo en valor" salientou Regueira. "Vemos a profesionais xa consagrados que son referencia, pero tamén outros emerxentes con propostas moi innovadoras e interesantes", engadiu. "Todos eles teñen en común o respecto e o amor polo territorio, que define o seu traballo, con produtos de quilómetro cero que falan moito do sitio ao que pertencen".

Clases de cociña repletas de público que se interesaba polas propostas dos cociñeiros e pola súa historia máis aló da súa cociña; exposicións polas que non paraban de pasar visitantes preguntando polos valores diferenciais dos produtos, así como profesionais que querían coñecer de primeira man o traballo de produtores e pequenas e medianas empresas como A Despensa de Lujo, Costumes empanadas de Galicia ou Bello Blanco Licores, entre outras, e profesionais que encheron as actividades que se levaron a cabo no posto da Deputación como as charlas e catas sobre viños coruñeses, as degustacións e as clases mestras sobre algas da provincia. "A provincia que sabe" destacou, de novo, nunha nova edición de Madrid Fusión.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X