O vicepresidente destaca en Outes o potencial turístico do territorio
Xosé Regueira visitou esta mañá o Espazo Museístico da Carpintería de Ribeira "Asteleiro de Ciprián", acompañado da deputada provincial Soledad Agra, o alcalde, Manuel González López e o tenente alcalde, Anxo Núñez Fernández
Regueira expuxo ante o sector turístico e agroalimentario da zona a necesidade de apostar por unha estratexia turística baseada na calidade e na sustentabilidade
O outense Espazo Museístico da Carpitentería de Ribeira "Asteleiro de Ciprián" acolleu esta mañá a visita do vicepresidente da Deputación e deputado de turismo, Xosé Regueira, que estivo acompañado da deputada provincial, Soledad Agra; o alcalde de Outes, Manuel González López e o tenente alcalde, Anxo Núñez Fernández.
Nunha xornada na que tamén participaron representantes do sector turístico e agroalimentario, Regueira salientou o potencial turístico da comarca, "de gran calidade e riqueza paisaxística, con moitas opcións de ocio e gastronomía e, ademais, moi preto de cidades como Santiago ou A Coruña, o que o converten nun destino moi atractivo para un turista internacional".
O vicepresidente destacou "as oportunidades de espazos en contornas naturais como esta" para dirixirse a "un perfil que valora a calidade e que deixa un impacto socioeconómico e medioambiental positivo na contorna". Para iso, afirmou, "debemos definir, entre todos – sector privado e administracións públicas – o tipo de turismo que queremos e en que mercados queremos emitir turismo".
Neste encontro no que Regueira aproveitou para coñecer o proxecto de recuperación do asteleiro de San Ciprián, contempláronse tamén as posibilidades deste espazo como recurso de turismo industrial e tradicional, "para poñer en valor, ademais, a historia e a memoria colectiva do territorio".