Ibiza acollerá a presentación de “A provincia que sabe”
Turismo da Deputación participa na feira HORECA Ibiza para promocionar a súa campaña turística e gastronómica dende o 26 ata o 28 de febreiro
Produtores locais viaxarán ata a illa balear para exhibir a súa materia prima, xunto co cociñeiro Iván Domínguez, de Nado, que impartirá diferentes showcookings a base de produtos locais
A área de turismo da Deputación, liderada polo vicepresidente Xosé Regueira, participa a semana que ven na feira HORECA Baleares – Ibiza 2024 para presentar a súa campaña turística e gastronómica "A provincia que sabe", da man de produtores locais, que estarán presentando a súa materia prima, e do cociñeiro de Nado, Iván Domínguez, que impartirá showcookings con produtos de quilómetro cero.
"Levamos a Ibiza os nosos produtos e a nosa cociña, con profesionais de gran nivel, que son a marca que mellor nos representa", apuntou Xosé Regueira. "Esta é unha das moitas feiras nas que participamos en todo o territorio estatal ao longo do ano, poñendo en valor a diversidade e a autenticidade da nosa provincia, que se reflexan na nosa gastronomía e tamén nos nosos destinos turísticos".
Durante os días 26, 27 e 28, a Deputación contará cun stand nesta feira, con diferentes actividades que comezarán ás 12h. e rematarán ás 19h. Degustacións de produtos locais, showcookings e masterclass sobre os viños da provincia impartidas polo sumiller e CEO de Choiva Viños, Alberto Varela, conforman a programación da entidade provincial.
A Despensa d'Lujo; A Conserveira; Queixo Galmesán; Choiva Viños; Bonilla a la vista; Algas Mar de Ardora e Apia Natura son os produtores que estarán na zona de exposición, ofrecendo degustacións. O chef de Nado, Iván Domínguez, ofrecerá durante os 3 días showcookings ás 13h e ás 15h de receitas protagonizadas por produtos de orixe local: fabas de Lourenzá sen ameixas; vieira e holandesa de vinagre de chalotas e rillete de raia en caldeirada.
A feira Horeca Ibiza súmase, así, ao catálogo de eventos profesionais nos que Turismo da Deputación participa promocionando "A provincia que sabe", como Madrid Fusión, Fórum Gastronómic de Barcelona, ou Biocultura e Galicia Fórum Gastronómico, que terán lugar nas vindeiras semanas.