Estás en:Emprego Novas

A gastronomía da provincia triunfa en Horeca Ibiza da man da Deputación

A entidade provincial participa nesta feira sectorial promocionando os saberes e sabores coruñeses da man de produtores locais e do chef de Nado, Iván Domínguez

Showcookings, degustacións e charlas sobre diferentes alimentos de quilómetro cero protagonizaron a programación da Deputación en Horeca Ibiza

A gastronomía da provincia triunfa en Horeca Ibiza da man da Deputación

Foto grupo

O departamento de turismo da Deputación, liderado polo vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, levou a súa campaña turística e gastronómica "A provincia que sabe" á feira Horeca Ibiza, promocionando os saberes e sabores coruñeses da man de produtores locais e do chef de Nado, Iván Domínguez, que desenvolveron diferentes actividades como degustacións, showcookings e masterclass.

A cociña de Iván Domínguez seduciu os padais ibicencos, con pratos protagonizados por produtos moi vinculados ao territorio: fabas de Lourenzá, vieira e faia son algúns dos exemplos que se degustaron na illa. "A frescura do mar e o enfriamento da terra definen receitas como estas, a través das que recupero pratos tradicionais mariñeiros como a caldeirada, que reflexan a riqueza das nosas lonxas e a variedade da nosa gastronomía" sinalou Iván Domínguez durante un dos showcookings.

Pola súa parte, os produtores de A Despensa d´Lujo; A Conserveira; Galmesán; Bonilla a la vista; Apia Natura e Algas Mar de Ardora levaron a cabo diferentes degustacións durante as tres xornadas que durou o evento. O broche final púxoo Alberto Varela, sumiller e CEO de Choiva Viños, que presentou a historia do viño na provincia da Coruña durante unha masterclass que reuniu a un público moi interesado pola gastronomía local.

Esta cita súmase a moitas outras nas que Turismo da Deputación vén participando ao longo do ano, co obxectivo de promocionar "A provincia que sabe" en foros moi profesionais cunha ambiciosa programación protagonizada por produtores locais e por cociñeiros e cociñeiras da Coruña. "Queremos poñer en valor a nosa provincia como un destino turístico e gastronómico de alto valor, caracterizado pola calidade, a autenticidade e a sustentabilidade" apuntou Xosé Regueira. "E, sen dúbida, a nosa proposta esperta un grande interese ante o público profesional que asiste a estes foros".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X