Estás en:Emprego Novas

A Deputación leva a Biocultura a súa aposta turística baseada na sostibilidade social, económica e medioambiental

A entidade provincial participa nesta feira que se celebra na Coruña do 1 ao 3 de marzo cunha programación que inclúe a promoción de produtos ecolóxicos, degustacións, demostracións de cociña e relatorios sobre os plans de sostibilidade que está a executar o departamento de Turismo

"Esta feira sobre sostibilidade, ecoloxía e sobre o futuro do turismo e que, ademais, está comprometida co territorio, é fundamental. E, neste sentido, a estratexia da feira e a estratexia da Deputación coinciden" destaca Xosé Regueira

A Deputación leva a Biocultura a súa aposta turística baseada na sostibilidade social, económica e medioambiental

Hoxe comeza en Expocoruña unha nova edición de Biocultura, a feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos máis importante do Estado. Inaugurouse esta mañá no stand da Deputación da Coruña, un dos 150 que participarán no foro, que volve contar co apoio da institución provincial, representada no acto polo vicepresidente Xosé Regueira.

«Dentro do programa de feiras que se celebran na provincia, Biocultura é para nós unha das máis importantes porque toca sectores que para o departamento de Turismo da Deputación son absolutamente sensibles», salientou Regueira. "Por iso, desde a primeira edición, fixemos o posible para que a mostra se celebrase na Coruña, porque para nós é fundamental unha feira que trata sobre a sostibilidade, sobre a ecoloxía e sobre o futuro do turismo; e que, ademais, está comprometida, dalgún xeito, co territorio. E, neste sentido, a estratexia da feira e a estratexia da Deputación coinciden".

A Deputación contará en Biocultura cunha caseta, de máis de 100 metros cadrados, dedicada, en palabras do vicepresidente, "á promoción de produtos ecolóxicos, de marca Eco; produtos de toda a cadea agroalimentaria; produto cosmético e produto enolóxico; e cociña en directo, para que ademais se poida degustar ese produto transformado en bocados de restauración". O stand acollerá tamén relatorios sobre os plans de sostibilidade que o departamento de Turismo provincial está a executar con cargo aos fondos Next Generation adxudicados dentro do plan enogastronómico de Galicia.

Programa da Deputación
As actividades de Turismo da Deputación nesta feira desenvolveranse nos diferentes espazos da entidade provincial. Así, haberá diferentes showcookings ecogastronómicos da man de produtores locais, e estudantes do CIFP Paseo das Pontes, con receitas ecolóxicas. Tamén haberá conferencias da man de asociacións, entidades, empresas e profesionais que traballan no ámbito do ecoturismo e a gastronomía sustentable.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X