Estás en:Emprego Novas

Xosé Regueira reúnese cos cinco concellos dos “Fogóns do Anllóns” para analizar o estado do proxecto e definir a folla de ruta

A Deputación acolleu unha xuntanza do vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, con representantes dos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Carballo e Coristanco

O obxectivo deste Plan de sustentabilidade turística en destino é ofrecer un destino de calidade e que sexa referencia de turismo de natureza e gastronomía

Xosé Regueira reúnese cos cinco concellos dos “Fogóns do Anllóns” para analizar o estado do proxecto e definir a folla de ruta

O Plan de sustentabilidade turística en destino "Os fogóns do Anllóns", promovido pola Deputación da Coruña e cofinanciado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- Next Generation EU continúa avanzando no seu desenvolvemento. O comité impulsor do proxecto, formado por representantes dos cinco concellos integrantes (Ponteceso, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Carballo e Coristanco) e liderado pola Deputación da Coruña, reuniuse na entidade provincial co vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, para analizar o estado actual do proxecto e definir os próximos pasos que se han seguir.

Convén lembrar que o proxecto "Os fogóns do Anllóns" está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible, e para cumprir cos catro eixos transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas: transición verde e sostible; mellora da eficiencia enerxética; transición dixital e competitividade.

Así, Regueira anunciou o inicio do procedemento de contratación da secretaria técnica, así como o investimento do 30% inicial de fondos, nunha xuntanza na que se abordou tamén a liña de subvencións para a mellora da imaxe dos establecementos de hostalería. Así mesmo, informouse sobre a localización dos miradoiros e as áreas de aparcamento, e sobre a sonorización do río, para o que se pediu a cooperación de todos os axentes implicados.

Os concellos, pola súa parte, trasladaron a necesidade de que se fagan as xestións posibles desde Augas de Galicia e a Consellería de Medioambiente para obter permisos que lles permitan levar a cabo actuacións integrais no ámbito do sendeiro do leito fluvial.

Ademais, acordouse a celebración dunha reunión mensual de todo o comité impulsor. A vindeira será o 4 de abril, e nela vaise rotar a presidencia que agora está en Cabana de Bergantiños, e pasará a Ponteceso.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X