Estás en:Emprego Novas

Regueira entrega a “La Morena” o premio á mellor tapa creativa do Santiago(é)Tapas

O vicepresidente e deputado de turismo destacou na súa intervención a importancia do "tapeo" non so no eido gastronómico, senón tamén no social e no patrimonial

Ademais, Regueira puxo en valor a boa utilización, por parte da organización da iniciativa, "dos programas de apoio e mellora da calidade e competitivadade"

Regueira entrega a “La Morena” o premio á mellor tapa creativa do Santiago(é)Tapas

O Auditorio de Galicia acolleu o acto de entrega de premios da XV edición de Santiago(é)tapas; unha iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña. O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, foi o encargado de entregar o premio a "La Morena", á mellor tapa creativa pola súa "Crocante de abelá e praliné de maracuyá".

Durante a súa intervención, Regueira destacou o potencial gastronómico, social e patrimonial do "tapeo". "Tapear é pura liberdade, tanto á hora de elixir que comer, como no xeito de facelo; e como Compostela sabe moito de patrimonio, de partillar e de liberdade, ten un magnífico programa de tapas, ao que hoxe poñemos colofón na súa edición de 2024", sinalou.

O vicepresidente parabenizou o Concello de Santiago de Compostela, a Turismo de Santiago e á Asociación de Hostalaría pola organización do concurso e resaltou que "é sempre un gusto – e nunca mellor dito – que se empreguen os programas de apoio á mellora da calidade e competitividade, por unha banda na mellora e promoción da restauración de calidade, e por outra en ofrecerlle a visitantes e residentes a posibilidade de coñecer e recoñecer o excelente produto co que contamos e a gran calidade do noso sector da restauración".

Nunha xornada repleta de excelencia gastronómica, Regueira fixo tamén referencia á aposta da área de turismo da Deputación pola cadea de valor da enogastronomía da provincia, "o noso principal medio de promoción turística". Así, baixo o paraugas "A provincia que sabe", a entidade provincial promociona "os saberes e sabores dos diferentes axentes gastronómicos en todos os eventos de relevancia nacionais e internacionais, investindo importantes recursos na súa promoción". Nese sentido, "contamos cunha boa mostra do sector da produción e da restauración compostelá, con profesionais que hoxe teño o pracer de ver aquí, e outros que en breve agardamos poder incluír nas alianzas desta estratexia".

Para rematar, Regueira anunciou o establecemento gañador desta edición do Santiago(é)tapas e destacou a importancia de iniciativas como esta. "A enogastronomía pode significar unha oportunidade turística comprometida co territorio e a súa conservación, coa promoción da diversidade histórica e cultural, coa loita contra a homoxenización cultural e a turistificación e sobre todo coa procura dun turismo máis consciente, no que pese máis a calidade que a cantidade e no que se xeren oportunidades para recuperar o pulso social e económico, sobre todo no medio rural. Con ese obxectivo traballamos, e nel cremos".

Os locais gañadores dos diferentes premios foron:
Mellor tapa creativa: Crocante de abelá e praliné de maracuyá, La Morena.
Mellor tapa tradicional: Estamos como cabras, Artesana.
Mellor tapa doce: Crocante de abelá e praliné de maracuyá, La Morena.
Mellor tapa en maridaxe con viño: Cachucha, grelo e calçot, Nómade.
Mellor tapa en maridaxe con cervexa: Bomba de polbo á feira, La Planta.
Mellor tapa sen glute: Castaña Doce, A Maceta.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X