Estás en:Emprego Novas

Regueira salienta o carácter "turístico, social e económico" do surf na presentación do Gadis Longboard Festival Ferrol

O vicepresidente asistiu esta tarde á presentación oficial do evento da World Surf League, que se celebra na ferrolá praia da Fragata do 13 ao 16 de xuño

A Deputación da Coruña apoia esta e as outras dúas probas que a World Surf League celebrará este ano en España, que terán lugar as tres na provincia da Coruña: Gadis Longboard Festival Ferrol; Abanca Pantín Classic Galicia Pro e o Cabreiroá Junior Pro Razo

"O surf é un nicho turístico que nos permite mellorar como sociedade e mellorar tamén economicamente, e facer deste territorio un territorio deportivo acorde cos seus 956 km de costa" destacou Xosé Regueira

Regueira salienta o carácter

A ferrolá praia da Fragata acolle dende onte, e ata o domingo 16, o Gadis Longboard Festival Ferrol, o primeiro dos tres campionatos que a World Surf League celebra en España, xunto co Abanca Pantín Classic Galicia Pro e o Cabreiroá Junior Pro Razo – os tres na provincia da Coruña – e que contan co apoio da Deputación da Coruña.

Durante a presentación oficial desta tarde, o vicepresidente Xosé Regueira puxo en valor o surf como "dinamizador social e económico" pois, tal e como afirmou, "contribúe a apostar por outro tipo de turismo, máis responsable co territorio e xerador de oportunidades para a poboación local". Regueira tamén salientou o traballo en conxunto das administracións públicas e o sector privado na posta en marcha de iniciativas como esta. "Cada vez que nos xuntamos as administracións autonómica, local e provincial pasan grandes cousas como este Gadis Longboard Festival Ferrol, e as outras dúas competicións da Word Surf League na provincia". Neste sentido, engadiu, "o reto é consolidar estes 3 eventos".

O vicepresidente referiuse, ademais, ao surf, como "nicho turístico", que "nos permite mellorar como sociedade e mellorar tamén economicamente, e facer deste territorio un territorio deportivo acorde cos seus 956 km de costa".

A praia de A Fragata convértese durante estes tres días nun espazo moi diversificado xa que, ademais de surf, este campionato mundial de longboard ofrece tamén áreas de consumo, zona skate, stands variados, música, talleres e bautismos de surf gratuítos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X