Estás en:Emprego Novas

A Deputación promove a historia, a cultura e os sabores do Camiño Inglés na Coruña

O portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, destaca que esta ruta xacobea é a que máis crece, "con incrementos anuais de entre o 20 e 30% de peregrinos"

Durante toda a xornada, a feira Primavera no Camiño Inglés reúne nos Xardíns de Méndez Núñez aos 18 concellos polos que discorre este itinerario xacobeo

A feira conta cun amplo programa de actividades dirixido a todas as idades cunha interesante oferta gastronómica, cultural e lúdica

A Deputación promove a historia, a cultura e os sabores do Camiño Inglés na Coruña

Os Xardíns de Méndez Núñez, na cidade da Coruña, acollen durante a xornada deste sábado a feira Primavera no Camiño Inglés, que volve reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento organizado pola Asociación de Concellos do Camiño e a Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela contan con stands na feira na que exhiben a súa variada oferta turística con diferentes actividades que inclúen actuacións musicais, mostras de artesanía tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos coma a tortilla de Betanzos, as vieiras da confraría de Barallobre, o pan de Neda ou os queixos do Eume, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.

O evento foi inaugurado esta mañá nun acto que contou coa participación do alcalde de Pontedeume, portavoz do Goberno da Deputación e presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández, o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira Piñeiro, o concelleiro de Fomento e Promoción da Coruña, Gonzalo Castro, e a delegada provincial da Xunta, Belén Docampo, así como numerosos alcaldes e alcaldesas e outras autoridades.

O Camiño que máis crece

Bernardo Fernández destacou "a enorme proxección do Camiño Inglés a nivel nacional e internacional, con incrementos anuais de entre o 20% e 30% no número de peregrinos ano tras ano" e anunciou que nos primeiros seis meses deste 2024 xa se superaron os datos do ano Xacobeo e que "por primeira vez o número de visitantes estranxeiros supera aos nacionais", un ránking no que destacan os procedentes de Italia, Reino Unido e Alemaña.

"Isto non é froito da casualidade, é un traballo de fondo que iniciamos en 2016 para recuperar e poñer en valor este itinerario xacobeo. Entón uns 5.000 peregrinos percorrían cada ano o Camiño Inglés, o ano pasado foron máis de 35.000", afirmou o portavoz do Goberno provincial, que subliñou que ademais da vertente espiritual e cultural do Camiño, "supón un importante impulso económico para os concellos polos que pasa, dándolles máis vida".

O deputado delegado da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, subliñou tamén a importancia que a recuperación do Camiño Inglés ten en Reino Unido, onde xa hai máis de 500 quilómetros sinalizados para os peregrinos que inician a súa viaxe en terras británicas ou mesmo en Irlanda, onde a Deputación participou na instalación das primeiras mouteiras que indican o "Celtic Way" cara Santiago de Compostela.

No acto, o impulsor da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, entregou un recoñecemento á doutora Penelope Johnson, da Universidade de Durham, pola súa labor de investigación histórica e impulso ao Camiño Inglés ao longo dos últimos anos deste esta institución académica británica.

ESPAZO INSTITUCIONAL E FEIRA - Escenario Primavera

As actividades no espazo da feira turística continúan esta tarde. Ás 17.30 horas, a feira acollerá a actuación musical a cargo do grupo Arnela do Concello de Carral, á que lle seguirá a AFC Orballo "pola tradición do Camiño Inglés", do Concello de Pontedeume. Por último, ás 19:30 horas, a Rondalla Bohemios, do Concello de Ferrol, pechará os concertos deste escenario.

ESPAZO GASTRONÓMICO E MERCADO ARTESANAL – Escenario Rede Stelar

Un dos eventos máis agardados será o mercado artesanal, onde se poderán contemplar os traballos dos ourives en directo. Durante toda a xornada, o MERCADO STELAR, a cargo de empresas artesanais e locais, ofrecerá aos visitantes as súas creacións.

Por outra banda, o espazo gastronómico deleitará aos comensais cos mellores produtos da provincia. Durante toda a xornada, os visitantes poderán gozar do GASTROBAR, cunha ampla oferta gastronómica de produtos de proximidade a cargo de A Artesa da Moza Crecha.

Destacan, entre outras actividades, o "Cociñado da vieira" da Confraría de Barallobre, do Concello de Fene, ou a "degustación de queixos e requeixo" por parte do Concello de Pontedeume . A cociña continuará co showcooking do restaurante Brasa de Beche, do Concello de Abegondo. Sobre as 19.00 h comezará o seguinte showcooking coa "Cociña coa Rede Stelar" con A Artesa da Moza Crecha.

Haberá tempo tamén para o humor co monólogo e improvisación teatral "Improdepor", cos actores Roi da Costa e Xavier Veiras. Será a partir das 16.00 horas.

A fotografía e o deporte terán tamén un oco na Primavera no Camiño coa presentación dos gañadores do IV Concurso de Fotografía Dixital do Camiño Inglés e Presentación da III e a Media Maratón e 10k do Camiño Inglés - Rede Stelar.

Os máis pequenos e pequenas tamén gozarán de espazo propio para coñecer os atractivos do Camiño Inglés. Será no ESPAZO LÚDICO PRIMAVERA onde as crianzas poderán gozar da arte en directo coa artista Nana, do Concello de Ordes. Pola tarde comezará o obradoiro infantil de barro de Brañas de Valga, do Concello de Mesía, e desde as 18.00 h ata as 20.00 horas o público infantil poderá participar no obradoiro infantil de chapas do Concello de Culleredo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X