Victoria B e San Tirso SD álzanse coa Copa Deputación da Coruña de Fútbol
O Victoria B feminino e o San Tirso SD masculino proclamáronse esta noite en Narón como equipos gañadores da Copa Deputación da Coruña de Fútbol 2024.
As xogadoras e xogadores de ambos os dous equipos recibiron o seu trofeo de mans do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, nun acto no que participaron tamén o deputado de Deportes, Antonio Leira, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luís Villamisar, entre outras autoridades.
Na Copa Deputación feminina o Victoria B CF gañou ao EFM Boiro por 2 goles a 1, mentres que na masculina o San Tirso SD se impuxo ao SD O Val de Narón por 1-0 nas finais deste campionato, celebrado no campo de fútbol municipal de Río Seco.
Os equipos gañadores das categorías masculina e feminina da Copa Deputación da Coruña conseguen automaticamente unha praza para a Supercopa Deputación, que disputarán este verán cos gañadores das outras competicións homólogas que se xogan nas provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense. O vencedor da Supercopa Deputación participará na fase previa da Copa do Rei de fútbol a vindeira tempada.
A Copa Deputación da Coruña é un dos torneos máis veteranos de cantos se disputan en Galicia, que este ano estreou un novo formato co participación dos catro clubs masculinos e os catro femininos vencedores das copas oficiais da Federación Galega de Fútbol na provincia (Copa A Coruña, Copa Costa da Morte, Copa Ferrol e a Copa Sar).
A Copa Deputación reparte este ano un total de 28.000 euros en premios, recibindo 5.000 euros e un trofeo os campións, 4.000 euros os subcampións, 3.000 euros os terceiros clasificados e 2.000 euros os cuartos.