Estás en:Emprego Novas

O Plan Único da Deputación acumula preto de 8 millóns de euros investidos en Coristanco, con 41 obras que melloran a calidade de vida da veciñanza

O POS+2024 inviste este ano 665.618 euros en Coristanco e financiará as obras de mellora do centro sociocultural de Santa Baia, a ampliación da rede de saneamento no núcleo da Costa do Carrizal e a construción dunha nova senda peonil no lugar da Cuca-Rececinde

O Plan Único da Deputación acumula preto de 8 millóns de euros investidos en Coristanco, con 41 obras que melloran a calidade de vida da veciñanza

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do alcalde Juan Carlos García Pose,visitou hoxe o concello de Coristanco, onde destacou a "contribución fundamental" do Plan Único para mellorar as infraestruturas e servizos básicos do municipio, "o que contribúe a mellorar a calidade de vida da veciñanza e axuda a fixar poboación".

Na visita estiveron tamén presentes a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, o concelleiro de Obras, Enrique Tasende, o portavoz do Partido Socialista na localidade, José Manuel Pérez, e o portavoz do BNG, José Antonio Andrade.

"A creación do Plan Único supuxo multiplicar entre tres e catro veces a achega económica da Deputación aos municipios da provincia, permitindo ademais que sexan os propios concellos os que decidan o destino dos investimentos", explicou Formoso, que destacou que desde 2017 "o POS+ acumula preto de 8 millóns de investimentos en Coristanco e financiou un total de 41 obras", entre as que destacan a humanización de rúas, a dotación de novas redes de saneamento e abastecemento de auga, a construción de sendas peonís, a mellora de estradas e camiños rurais ou obras de renovación en infraestruturas como o polideportivo ou a piscina municipal.

O alcalde, Juan Carlos García Pose agradeceu a visita do presidente. "Tiven a oportunidade de comentar con el a importancia que teñen para un concello rural os plans provinciais e a cantidade de cuestións que podemos resolver grazas a eles. Agradezo tamén a súa receptividade para continuar mellorando infraestruturas, como a estrada que hoxe imos a ver", apuntou.

Este ano, o Plan Único supera os 100 millóns de euros para os 93 municipios coruñeses, o que permitirá que Coristanco reciba 665.618 euros, dos que 101.321 serán destinados a financiar gasto corrente de servizos municipais, 92.263 a gasto social e preto de medio millón para financiar as obras de mellora do centro sociocultural de Santa Baia (235.950 euros), a ampliación da rede de saneamento no núcleo da Costa do Carrizal (85.612 euros) e e a construción dunha nova senda peonil no lugar da Cuca-Rececinde (187.187 euros).

Reurbanización na estrada que vai ao cruceiro de Oca

Formoso e García Pose supervisaron as obras realizadas da Casa Consistorial, nas que se investiron 195.632 euros para mellorar a accesibilidade, que incluíron a instalación de ramplas de acceso e un ascensor e despois desprazáronse a Oca para supervisar outra das 41 obras financiadas polo Plan Único no municipio: a reurbanización da estrada de Avieira a Oca, nas que a Deputación e Concello investiron 444.378 euros (o 75% con fondos provinciais) para mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a estética da zona e que inclúen tamén a renovación de servizos.

As obras executáronse no tramo que vai da intersección da estrada Avieira-Oca coa AC-552 ata o cruceiro de Oca e consistiron na ampliación da plataforma do vial, que pasou a ter unha anchura de sete metros, e a creación de novas beirarrúas e zonas axardinadas que melloran a seguridade de vehículos e peóns, a accesibilidade e a estética da zona.

A zona conta con novas beirarrúas de formigón coloreado na marxe sur, zonas axardinadas entre a zona peonil e a zona de tránsito de vehículos e novas beirarrúas tamén entre o cruceiro e o colexio infantil de Oca executadas con lousas de granito sobre formigón.

Os traballos incluíron tamén a renovación da canalización ou soterramento de servizos como saneamento e abastecemento de auga, alumeado público e telecomunicacións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X