A Deputación inviste en Brión máis de 950.000 € a través do Plan Único
Esta ferramenta permítelle aos 93 concellos da provincia, que reciben un total de 100,5M€, investir os fondos da Deputación en obras e servizos municipais con autonomía, en función das súas necesidades
A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, visitou esta mañá o municipio, acompañada dos deputados provinciais Xosé Penas e Antonio Leira
A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, visitou esta mañá o concello de Brión, acompañada dos deputados provinciais Xosé Penas e Antonio Leira, onde se reuniron co alcalde, Pablo Lago Sanmartín, e con parte da corporación municipal. Trala xuntanza, aproveitaron para visitar unha das obras financiadas con este plan.
A deputada presentou os investimentos do Plan Único da Deputación no municipio durante este exercicio: 950.952,51€, que inclúen os 515.980,81€ iniciais e os 434.971,70€ adicionais. Un importe que forma parte do total destinado á comarca de Santiago de Compostela (Brión, Ames, Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra), que alcanza os 9.479.512,93 €.
"O Plan Único está pensado para que os gobernos municipais invistan os fondos públicos naquelas obras e servizos que consideran prioritarios", apuntou Cristina García. "Deste xeito os concellos gañan en autonomía e eficiencia e, sobre todo, na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas", engadiu.
No caso de Brión, o concello levou a cabo obras como a mellora dos accesos á aldea da Telleira, na parroquia de Bastavales, que visitaron esta mañá, que permitiron a mellora da seguridade viaria da veciñanza. "Ese é, precisamente, o obxectivo do Plan Único, que ademais cobra especial importancia en pequenos núcleos de poboación como esta parroquia de Brión" salientou a deputada.