Estás en:Emprego Novas

A SD Compostela presenta a súa nova equipación, “Acibeche”, en colaboración con Ourives de Compostela, que conta co apoio da Deputación

O vicepresidente Xosé Regueira acudiu ao acto de presentación da camiseta, onde destacou a importancia desta iniciativa "que pon en valor a nosa historia, patrimonio, e identidade, que son a mellor marca do territorio"

Os oficios de pratería e acibecharía forman parte da esencia mesma da cidade de Compostela, xa que levan presentes desde a súa fundación, e constitúen un emblema identitario, un orgullo de cidade

O Compos, como símbolo deportivo da cidade, e o gremio que agrupa a asociación de "Ourives de Compostela", poñen en marcha este proxecto apoiado pola Deputación da Coruña

A SD Compostela presenta a súa nova equipación, “Acibeche”, en colaboración con Ourives de Compostela, que conta co apoio da Deputación

A SD Compostela presentou esta tarde a súa nova equipación, "ACIBECHE", que rende homenaxe aos oficios milenarios de Compostela, os de pratería e acibecharía, incluíndoos no elemento principal do Compos: a súa camiseta.

Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración co gremio que agrupa a asociación de Ourives de Compostela, e que conta co apoio da Deputación, "pon en valor a nosa historia e patrimonio, que son a mellor marca do territorio", sinalou o vicepresidente.

Estes oficios, que forman parte da esencia de Compostela xa que están presentes nela desde a súa fundación, plásmanse deste xeito na nova equipación do Compos, "unindo, deste xeito, dous símbolos da cidade: o deportivo e o da artesanía milenaria", apunta Regueira.

O proxecto convértese "no mellor escaparate da personalidade de Compostela da nosa identidade e dos oficios do gremio", engadiu Regueira, "polo que, ademais de ser un elemento promocional, contribúe á xeración de riqueza local: unha estratexia que compartimos dende a área de turismo da Deputación na súa totalidade".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X