Estás en:Emprego Novas

A Deputación pon en marcha unha nova edición de #HoxEscriboEn, un concurso de relatos para fomentar o talento creativo literario, o patrimonio dos concellos e o turismo de proximidade

A proposta ofrece premios de estancias rurais aos autores dos mellores microrrelatos, que deberán estar relacionados con algún dos 93 municipios da provincia

As composicións terán como extensión máxima as 500 palabras e deben ser inéditas

O prazo para presentar as propostas remata o 31 de agosto

A Deputación pon en marcha unha nova edición de #HoxEscriboEn, un concurso de relatos para fomentar o talento creativo literario, o patrimonio dos concellos e o turismo de proximidade

A Deputación da Coruña, por medio da Biblioteca provincial e a área de Turismo, pon en marcha #HoxeEscriboEn 2024, un concurso de relatos que pretende fomentar o talento creativo literario, o patrimonio dos concellos da provincia e o turismo de proximidade. A proposta ofrece a posibilidade a todas as persoas maiores de idade de presentar microrrelatos ambientados nun dos 93 municipios da provincia da Coruña e, así, optar a algún dos premios de estancias rurais ofrecidos.

As composicións literarias poden estar escritas en galego ou en castelán, pero deben ser inéditas e non ter sido presentadas en ningún outro concurso. Ademais, o texto non poderá superar a extensión de 500 palabras, deberá estar escrito a dobre espazo con letra Times New Roman tamaño 12 e presentado en DIN-A4 e unha soa cara.

É obrigatorio que a temática dos relatos de #HoxeEscriboEn estea ambientada en algún dos concellos da provincia, aínda que non é obrigatorio que o autor ou autora resida nel. Poderán estar relacionados coa historia local, as lendas propias, as tradicións do pobo, persoeiros destacados, valores positivos do municipio ou a súa riqueza cultural ou medioambiental. É dicir, trátase de resaltar calquera aspecto destacable do patrimonio da localidade.

Lugar e prazo de presentación

O prazo de presentación remata o sábado 31 de agosto. Dita presentación pódese facer a través do formulario habilitado na web da Biblioteca da Deputación da Coruña.

Formulario

Cada persoa poderá participar cantas veces queira, cumprimentando un formulario por cada unha das participacións. Ademais, as dúbidas do concurso pódense solucionar contactando con biblioteca.info@dacoruna.gal ou no teléfono 981080176.

Premios
Os premios consistirán en paquetes turísticos. O primeiro ofrece unha estancia para dúas persoas dunha noite, con almorzo e cea incluídos, nun establecemento tipo cabanas rurais da provincia da Coruña. O segundo premio consistirá nunha estancia para dúas persoas dunha noite, con almorzo incluído, nun establecemento rural da provincia da Coruña. O terceiro premio consistirá nunha comida ou cea para dúas persoas nun establecemento da provincia da Coruña. Ademais, entre os participantes, sortearanse varios lotes de produtos da provincia.
As persoas que resulten galardoadas recibirán a comunicación por teléfono ou correo electrónico e publicaranse nas redes sociais e web da biblioteca no mes de setembro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X