Estás en:Emprego Novas

O Clube de Leóns da Coruña presentoulle á Deputación o seu proxecto de ruta xacobea

O vicepresidente, Xosé Regueira, escoitou as propostas da entidade, que quere constituír a nova Asociación Amigos do Vello Camiño de Santiago, da que poderían formar parte os concellos de Arteixo, A Laracha, Carballo, Cerceda, Cambre, Carral, Tordoia, Trazo, Malpica, Abegondo, Ponteceso, Cabana, Betanzos, Santiago e A Coruña

Regueira recomendoulle aos promotores completar as xestións para que a Xunta de Galicia certifique o Vello Camiño de Santiago como un itinerario tamén turístico e así se poida acoller á liña de axuda da Deputación aos entes de xestión turística do territorio, que inclúe as asociacións de concellos dos camiños de peregrinación

O Clube de Leóns da Coruña presentoulle á Deputación o seu proxecto de ruta xacobea

Xosé Regueira recibiu esta tarde no salón de plenos da casa do Concello de Carballo os promotores do Vello Camiño de Santiago, un novo itinerario xacobeo que percorre a provincia da Coruña seguindo a cartografía antiga, da que se conservan documentos históricos que certifican a súa existencia.

Manuel Rodríguez, vicepresidente e tesoureiro do Clube de Leóns da Coruña Torre de Hércules, impulsora do proxecto, e Carmen Payá e Belén Montes, historiadoras encargadas do deseño do estudo para establecer os trazados, presentáronlle a Regueira o plan, que contempla tamén a constitución da Asociación Amigos do Vello Camiño de Santiago, da que poderían formar parte os concellos polos que pasa o novo camiño: Arteixo, A Laracha, Carballo, Cerceda, Cambre, Carral, Tordoia, Trazo, Malpica, Abegondo, Ponteceso, Cabana, Betanzos, Santiago e A Coruña, os máis deles representados hoxe na xuntanza.

O Vello Camiño conta co recoñecemento da Igrexa, pero aínda non co da Xunta de Galicia, circunstancia á que se referiu Regueira na súa valoración do proxecto. "A Deputación ten unha liña de axuda aos entes de xestión turística do territorio que inclúe as asociacións de concellos dos distintos camiños de peregrinación que pasan pola provincia, pero non subvencións a itinerarios que non estean recoñecidos pola Axencia de Turismo de Galicia". "Así que", engadiu, "a nosa postura é propoñerlle ao grupo promotor do novo camiño que se reúna coa Xunta para que dea legalidade e certifique o Vello Camiño como un itinerario tamén turístico".

"En calquera caso", rematou, "estamos convencidos de que a nova ruta é unha oportunidade para dinamizar de maneira económica e social as zonas rurais que atravesa o trazado e de ofrecerlle ao peregrino a posibilidade de gozar do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, cultural e natural da zona".

Itinerarios

O Vello Camiño ten dúas variantes. Unha parte de Betanzos e a outra, da igrexa de Santiago, na Coruña, aínda que as dúas conflúen en Rodís (Cerceda) para entrar na capital galega polo barrio de Vista Alegre. Cada itinerario percorre uns 100 quilómetros, na súa maior parte por camiños de terra e entre aldeas. "Para a delimitación da ruta", explicaron os promotores, "tivéronse en conta as trazas de antigos camiños tradicionais e vías comerciais, pero moitas non existen na actualidade e foi necesario buscar itinerarios complementarios".

"Con este proxecto", sinalaron, "pretendemos conseguir que se executen os traballos necesarios para a recuperación, rehabilitación, protección e sinalización deste ancestral trazado do Camiño de Santiago, co obxecto de oficializalo e poñelo en valor. Queremos conseguir un camiño máis verde e sostible, enerxeticamente máis eficiente, máis experiencial e atractivo, máis intelixente e dixitalmente avanzado, inclusivo e accesible".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X