Estás en:Emprego Novas

A Deputación facilitará o acceso a formación especializada ás empresas de actividades turísticas do Eume

Está previsto destinar ao redor de 45.000 euros a actividades formativas e de asesoramento para favorecer o emprego e a profesionalización nos establecementos e empresas turísticas dos cinco municipios da comarca (Capela, As Pontes, Cabanas, Pontedeume e Monfero)

A Deputación facilitará o acceso a formación especializada ás empresas de actividades turísticas do Eume

A mediados do mes de agosto comezou na comarca do Eume, que agrupa aos municipios da Capela, As Pontes, Cabanas, Pontedeume e Monfero, un estudo de necesidades formativas do sector turístico, financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea - Next Generation EU. É tamén unha actividade que se enmarca dentro dos obxectivos do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos de Fragas do Eume. Como é coñecido, nestes lugares localízanse as fragas mellor conservadas de Europa; ricas, ademais, pola ampla variedade de especies animais e vexetais ameazadas que habitan nela.

O Parque Natural Fragas do Eume constitúe, en efecto, o seu principal atractivo turístico: se ben o territorio conta tamén con outros recursos que atraen todos os anos a milleiros de visitantes como, por exemplo, o Mosteiro de San Xoán de Caaveiro.

Polo tanto, a meta deste estudo é proporcionar unha visión integral dos imperativos e desafíos que afronta o sector turístico privado na comarca do Eume co fin de elaborar un Plan de Traballo que permita, sobre todo a través de actividades de recualificación e asesoramento individualizado online, proporcionar novas competencias conforme, por exemplo, ás novas tendencias e requirimentos da actividade turística (transformación dixital, sustentabilidade ambiental, etc.). O diagnóstico, as propostas de mellora ou as actuacións do Plan de Traballo quedarán recollidos na Plataforma online do Desenvolvemento Profesional para o Turismo do Eume que tamén se vai habilitar de xeito paralelo.

Neste sentido, está previsto que, ao longo das próximas semanas, se organicen actividades participativas de recollida de información dos actores clave no territorio, a través de entrevistas persoais, unha enquisa ao conxunto de empresas e establecementos que ofertan servizos turísticos e dúas mesas de traballo. A Axencia de Turismo de Galicia rexistrou máis de 350 empresas na comarca, a maior parte delas, establecementos de restauración e aloxamento; se ben tamén hai que subliñar, por exemplo, a presenza de emprendementos especializados no turismo deportivo ou da natureza.

Para o desenvolvemento deste proxecto contratouse, unha vez rematado o proceso de licitación pública correspondente, á consultora internacional Infyde Global, empresa con experiencia de traballo en Galicia e sobre todo nas áreas de emprego, formación e desenvolvemento territorial.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X