Regueira presenta en Matosinhos a participación da Deputación na súa feira gastronómica “Out of the Blue”
Baixo o nome "A resposta está no océano", este evento organizado pola Cámara de Matosinhos, debaterá sobre o futuro da gastronomía, do turismo e do mar a través de diferentes actividades como showcookings, conferencias ou visitas guiadas
A Deputación da Coruña participará na cita con showcookings de Iván Domínguez e Lucía Freitas, que tamén ofrecerá unha conferencia, e con Algas Mar de Ardora
O vicepresidente destacou onte na presentación do evento as "conexións entre ambos territorios", xa que "únenos o mar, pero tamén a nosa aposta pola gastronomía local e por toda a cadea de valor agroalimentaria"
O mercado de Matosinhos acolleu onte a presentación da súa feira gastronómica "Out of the Blue" que, baixo o nome "A resposta está no océano" debaterá sobre o futuro da gastronomía, do turismo e do mar da man de investigadores, chefs, produtores locais e outros representantes do sector agroalimentario dende o 23 ata o 26 de outubro.
Cita que contará coa presenza da Deputación da Coruña, que participará con diferentes actividades para poñer en valor os produtos do mar da provincia, con cociñeiros e produtores locais. Así, Lucía Freitas impartirá unha conferencia sobre o seu proxecto "Amas da terra", e tamén un showcooking. O cociñeiro Iván Domínguez tamén ofrecerá un showcooking e dende a empresa "Algas mar de ardora" darán a coñecer as algas da provincia, poñendo en valor a súa relevancia na dieta atlántica.
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, salientou durante a presentación a "unión entre ambos territorios", A Coruña e Matosinhos, "que pasa polo mar, pero tamén por unha estratexia turística compartida, que pon en valor a gastronomía local como xeradora de riqueza socioeconómica no territorio, e que tamén contribúe ao coidado do planeta e mellora do medio". Neste sentido, destacou que "na provincia da Coruña temos 956 km de costa, e unha campaña para poñer en valor toda a cadea agroalimentaria que comeza na produción local, continúa na distribución e remata na restauración, 'A provincia que sabe', puntos coincidentes coa cámara de Matosinhos que nos permitirán dialogar de cara ao longo prazo". En ambos casos "somos conscientes de que temos que valorar e coidar do territorio e de impulsar estratexias turísticas que sexan sustentables no ámbito económico, no social e no medioambiental."
Deste xeito, "abrimos unha ponte con Matosinhos, que esperamos seguir construíndo, xa que Galiza e Portugal é unha gran alianza que temos que fraguar. Contamos cun territorio moi interesante para un perfil de turista internacional que nos ve como un mesmo destino". A participación nesta cita gastronómica será, polo tanto, o "primeiro paso" dunha "alianza estratéxica". Nela, "amosaremos o potencial de produtos do noso mar como as algas, e tamén o bo facer dos nosos cociñeiros locais, tamén reivindicando a parte feminina da gastronomía, onde tamén existe teito de cristal, coa testemuña de Lucía Freitas e o seu magnífico proxecto sobre as mulleres produtoras".