Estás en:Emprego Novas

Regueira pon en valor, no 'Out of the Blue' de Matosinhos, as sinerxías entre ambos territorios

O vicepresidente asistiu a este evento de turismo gastronómico, que se celebra no municipio portugués dende o 23 ata o 26 de outubro, onde, ademais, participou na inauguración oficial

A Deputación colabora con este proxecto impulsado pola cámara de Matosinhos con diferentes actividades relacionadas coa gastronomía do mundo mariño, como os showcookings "a catro mans" de chefs da provincia con chefs portugueses

Regueira pon en valor, no 'Out of the Blue' de Matosinhos, as sinerxías entre ambos territorios

O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, viaxou ata Matosinhos para participar no evento Out of the Blue que, baixo o lema "A resposta está no océano", acolle diferentes actividades para poñer en valor a gastronomía e a sustentabilidade dos océanos.

Regueira destacou durante os actos oficiais as sinerxías que existen entre ambos territorios. "Son moitas as pontes que nos unen: o Atlántico; unha gastronomía de moita calidade; unha estratexia turística que pon o foco na sustentabilidade e que aposta pola gastronomía como elemento clave de promoción do territorio...". Por iso, agradeceu "a oportunidade de poder representar a provincia e o país neste espazo tan relevante". "Un espazo no que, ademais", engadiu, "abordamos temas tan cruciais como a sustentabilidade, a responsabilidade co territorio e os retos de futuro".

Neste sentido, o vicepresidente sinalou que "o futuro da nosa gastronomía está necesariamente na despensa mariña, polo que é fundamental poñer en valor o noso patrimonio alimentario submarino, que é o que faremos neste Out of the Blue".

Ademais, durante o primeiro dos "xantares" nun dos restaurantes máis emblemáticos da cidade, asinou un "memorando de entendemento" entre a Cámara de Matosinhos e a Deputación da Coruña, para dar comezo oficial "a unha relación que se manterá no futuro e que servirá para coñecernos e recoñecernos mellor, e para fortalecer ambos destinos".

A provincia da Coruña está presente durante todos os días de evento con diferentes actividades relacionadas coa gastronomía da despensa mariña. Showcookings a catro mans de Lucía Freitas (A Tafona) e Iván Domínguez (NaDo) con Rui Paula Casa, dúas Estrelas Michelin e chef de Chá da Boa Nova e o tamén chef Michelin Arnaldo Azevedo, do restaurante Bistrô by Vila Foz, respectivamente, e conversas sobre o papel das mulleres nos sistemas alimentarios con Lucía Freitas, e sobre o papel das algas no ecosistema mariño e na gastronomía con Sergio Baamonde, de Algas Mar de Ardora.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X