Estás en:Emprego Novas

Dá comezo a I edición de Degusta A Coruña, o congreso gastronómico para reivindicar a excelencia da provincia

A confraría de Barallobre (Fene) e Betanzos (o antigo matadoiro e A Artesa da Moza Crecha) foron as primeiras paradas deste congreso que comezou hoxe e continuará mañá e pasado en Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, explicou o obxectivo de Degusta A Coruña: "poñer en valor o noso sector agroalimentario, que é o noso principal produto turístico, e ademais de falar de 'futurismo': o futuro do turismo e da gastronomía"

Dá comezo a I edición de Degusta A Coruña, o congreso gastronómico para reivindicar a excelencia da provincia

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre deu comezo ao primeiro evento de Degusta A Coruña, enmarcado na iniciativa 'A provincia que sabe', que ten como obxectivo reivindicar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia e que arrancou esta mañá en Barallobre (Fene).

O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, explicou ante os asistentes a aposta da Deputación, "pola gastronomía e a cadea de valor agroalimentaria, como primeiro produto turístico do noso escaparate". Nese sentido, sinalou que nos últimos anos, "esta provincia pasou de ser un territorio de boa comida a un territorio gastronómico, precisamente grazas ao traballo de todos os eslabóns desa cadea e ao de restauradores xoves que tratan o produto do mellor xeito e nos ofrecen experiencias gastronómicas de primeiro nivel". "Ese é", engadiu, "o obxectivo deste congreso: poñer en valor un sector que, ademais, traballa en conxunto e alianzas, ademais de falar de 'futurismo': o futuro do turismo e da gastronomía".

"A axenda 2030 obríganos a repensar moitas cuestións, tamén relacionadas coa gastronomía, tanto a nivel global como local, e este congreso parécenos un espazo idóneo para reflexionar sobre estes retos de futuro", apuntou Regueira. "Sen esquecernos do obxectivo de desenvolvemento sostible que é erradicar a fame, e que nos vai obrigar a ir á nosa despensa mariña". Todos estes temas, "abordaremos neste congreso con relatores de primeiro nivel".

Os asistentes ao congreso itinerante nesta primeira xornada tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a cetaria e depuradora, un proxecto que reforza o compromiso coa calidade e sostibilidade dos produtos marisqueiros galegos, guiados polo presidente da confraría, Jorge López. Grazas á modernización das súas instalacións, a Confraría ofrece ao público unha ampla gama de mariscos coa garantía de orixe e calidade certificada baixo a marca "Mariscos de Barallobre". Ademais, Rocío Carreiras, presidenta da agrupación Marisqueiras a Pé, amosou o labor diario do colectivo na extracción dos bivalvos.

O congreso dirixiuse ao antigo matadoiro de Betanzos onde se celebrou a mesa redonda "Os Grandes Descoñecidos: IXP Terras de Betanzos", un coloquio que puxo en valor os viños desta indicación xeográfica protexida. Emitida tamén por streaming, a mesa contou coa intervención de José Bouzón, de Casa Beade; Luis Sande, de Pagos de Brigante; Xosé Antonio Meixide, de Adegas Bordel; e Juanjo Figueroa Treus, da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU). Os relatores compartiron co público os segredos e as peculiaridades dos viños das Terras de Betanzos, promovendo así o coñecemento e recoñecemento desta rexión vinícola galega.

A nota gastronómica da xornada veu coa "Cociña a Oito Mans" na que participaron os chefs Luis Veira e Álvaro Gantes, do restaurante Árbore da Veira (unha Estrela Michelín) e Lolo Mosteiro e Paula Martínez da Artesa da Moza Crecha que ofreceron unha experiencia de cociña en vivo. A continuación, os asistentes gozaron dun xantar-cóctel maridado con produtos de proximidade e viños da IXP Terras de Betanzos ofrecidos por Lolo Mosteiro e Paula Martínez.

Pola tarde celebrouse unha xornada online onde se falou do "Mundo da distribución e da alimentación na provincia" e na que participaron Melisa Pagliaro, de Gadisa; Marta Cid, de Grupo Cuevas e Yago Díaz, de Delikia. A mesa estivo moderada por Xosé Luis Reza, de Iuni. A continuación, na mesa redonda "Dende a provincia cara o mundo. O impulso do e-commerce" Eduardo Sanjurjo, de Kibus; e Miguel Ángel Roig, dos Biosbardos como relatores no coloquio moderados por Judit Cabana, vicepresidenta do Clúster do E-Commerce Galego. A xornada rematou co faladorio "IXPS e a súa importancia para reivindicar uns viños únicos" na que participaron Paco Crusat, Adega Entre Os Ríos; José Bouzón, de Casa Beade e Juanjo Figueroa Treus de AGASU.

Programa de mañá
A xornada de mañá dará comezo ás 10:00 horas no Convento de Herbón, en Padrón, cunha sesión dedicada á lamprea, onde os asistentes poderán coñecer máis sobre a súa vida, reprodución e os lugares de pesca, a través dunha visita guiada ás pesqueiras do río Ulla. Este acto contará coa participación de José Manuel Freire, guardarríos do Ulla, e Eduardo Blanco, propietario dunha pesqueira, quen ofrecerán unha visión experta e próxima sobre a relevancia desta especie na contorna.

A continuación, ás 12:00 horas, o programa trasladarase ao Pazo de Goiáns, en Boiro, para unha mesa redonda aberta ao público e emitida por streaming sobre os viños da IXP Barbanza e Iria, e da subzona Ribeira do Ulla de Rías Baixas. Moderada por expertos como David Rial de Cazapitas e Paco Crusat da Adega Entre Os Ríos, entre outros, esta sesión será unha oportunidade para descubrir e valorar estes viños galegos menos coñecidos. Ás 14:00 horas, ofrecerase unha visita guiada ao Pazo de Goiáns, onde Alberto García, do Concello de Boiro, explicará a historia do lugar e a súa conexión co mundo do viño.

A xornada pecharase cun xantar-cóctel maridado con produtos de proximidade e viños das denominacións tratadas, preparado por Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, acompañado por recoñecidos cociñeiros convidados da zona da Barbanza.

Este congreso, dirixido a público especializado, contará con parte das xornadas abertas ao público. O programa pode consultarse na web www.degustacoruna.gal. Os actos abertos ao público requiren inscrición previa, que é de balde.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X