Estás en:Emprego Novas

Primeiro día da Deputación no Gastronomic Forum Barcelona, que triunfa exhibindo a gastronomía da provincia

A área de turismo da entidade provincial asiste a esta cita gastronómica acompañada de produtores locais que amosan a súa materia prima e chefs que elaboran pratos en directo

Costumes de Galicia, A Conserveira, Chichalovers, Galmesán, Bonilla a la vista, Mariscos de Barallobre e Algas de Mar de Ardora contan cunha exposición permanente nun stand no que os responsables de O camiño do inglés (Ferrol); A Horta do Obradoiro (Santiago) e Arrueiro (Laxe) ofrecen showcookings con produtos locais

Ademais, mañá terá lugar a mesa redonda 'Amas da Terra: legado, cultura e cociña', coas cociñeiras Lucía Freitas e Dolores García e Dolores Gómez, bateeira de Rianxo e presidenta da Asociación Mulleres Salgadas, conducida por Jorge Guitián

Primeiro día da Deputación no Gastronomic Forum Barcelona, que triunfa exhibindo a gastronomía da provincia

O Gastronomic Forum Barcelona comezou hoxe na cidade condal para exhibir o mellor da gastronomía mundial, que se citará neste evento que dura ata o 6 de novembro. A área de turismo da Deputación conta cun espazo propio onde promociona a provincia, da man de diferentes produtores locais e cociñeiros. "A gastronomía é o noso principal reclamo turístico, e foros como este son un excelente escaparate que nos permite dar a coñecer a gran calidade dos nosos produtores e restauradores", sinalou o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira.

Costumes de Galicia (Carballo), A Conserveira (Ribeira), Chichalovers (Santiago de Compostela), Galmesán (Arzúa), Bonilla a la vista (A Coruña), Mariscos de Barallobre (Fene) e Algas de Mar de Ardora (Ortigueira) son os produtores que están ofrecendo degustacións no stand da Deputación, onde tamén se celebran showcookings impartidos por O Camiño do Inglés (Ferrol); Arrueiro (Laxe) e A Horta do Obradoiro (Santiago).

Hoxe foi a quenda de Dani Castro, do Camiño do Inglés, que cociñou vieira da ría de Ferrol macerada en café con crema de champiñóns e aguacate asado, e peixe sapo de lareira, meuniere galeguizada, vexetais ao natural e encurtidos. O cociñeiro ferrolán explicou a orixe de toda a materia prima que elaborou, así como os detalles dos seus pratos. Tamén puxo en valor o territorio e o "entorno privilexiado no que vivimos, onde se da un fenómeno moi peculiar: un encontro do Atlántico e o Cantábrico, que nos da os mellores produtos".

Ademais do showcookings, houbo presentacións e degustacións dos produtos de Chichalovers e A Conserveira, e tamén unha charla sobre os viños da provincia, impartida polo CEO de Choiva Viños, Alberto Varela.

Todas estas actividades continuarán durante a xornada de mañá, que acollerá os showcookings de Kike Piñeiro e Eloy Cancela, de A Horta do Obradoiro, así como degustacións de Mariscos de Barallobre; Chichalovers; A Conserveira e Galmesán. Ademais, no "Forum – taller" haberá unha actividade propia, que consistirá na charla "Amas da Terra: Legado, cultura e cociña", na que participan Lucía Freitas acompañada de dúas "amas da terra": Dolores Gómez, bateeira de Rianxo e presidenta da Asociación Mulleres Salgadas, e Dolores García, cociñeira e copropietaria de Casa Peto en Outes, baixo a moderación do escritor, divulgador, crítico, investigador e columnista gastronómico Jorge Guitián.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X