Estás en:Emprego Novas

Regueira reivindica na inauguración de Etiqueta Negra a gastronomía como “unha actividade fundamental para o futuro do planeta e da humanidade”

O vicepresidente referiuse á estratexia turística da Deputación, que prioriza a sustentabilidade social, económica e medioambiental, e ao seu compromiso co territorio

Regueira reivindica na inauguración de Etiqueta Negra a gastronomía como “unha actividade fundamental para o futuro do planeta e da humanidade”

Turismo da Deputación comezou hoxe a súa participación na feira do gourmet galego 'Etiqueta Negra', que se celebra en Pontevedra do 9 ao 11 de novembro. O vicepresidente Xosé Regueira falou durante a inauguración da estratexia turística da Deputación, que pon o foco na gastronomía como "principal destino turístico da provincia" e da campaña turística e gastronómica 'A provincia que sabe'.

Acompañado da concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro; o Trade Marketing Horeca Galicia e Hijos de Rivera, Pedro López Castro; o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo Piñeiro; o presidente da Mancomunidade do Salnés e alcalde do Concello de Ribadumia, David Castro Mougán; o director de Agacal, Martín Alemparte Vidal: o deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís Romero e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Regueira agradeceulle ao Concello de Pontevedra "a oportunidade de poder participar neste evento que xa é de referencia", recoñecendo que "Etiqueta Negra é para nos unha parada obrigada". O vicepresidente convidou ao público a participar "nas 17 actividades que desenvolveremos no stand da Deputación, acompañados dunha decena de empresas".

"A estratexia turística da Deputación non so representa a gastronomía entendida como cociña, senón que vai máis aló para destacar tamén o noso compromiso co territorio, cos produtores locais, coa humanización da paisaxe, a fixación de poboación no rural, en con toda a cadea de valor agroalimentaria" sinalou Regueira. "Tendo sempre como obxectivo transversal a sustentabilidade, e buscando oportunidades para o planeta. Entendemos a gastronomía como unha actividade que contribúe á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible promovendo o consumo de alimentos de calidade e asegurando o acceso á comida todos os días".

A Deputación da Coruña participa nunha nova edición de Etiqueta Negra cun stand propio onde conta coa cociña en vivo de Concha Casares, de Casa Alongos (Melide), e os produtos de Cafés Aruba (A Coruña), Vermú Lodeiros (Santiago de Compostela), Casa da Avoa (Outes), Pandejuevo (Cee), A Despensa D´Lujo (Coristanco), Martietas de Fío (Bergondo) e Cafés Lúa (Carballo).

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X