Ourives de Compostela viaxa a Salamanca para promocionar a acibechería como símbolo cultural, histórico e turístico da cidade e da provincia
A Deputación colabora con esta asociación na promoción deste oficio milenario, "símbolo da cidade, da provincia e do país" sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira
"Respaldamos este labor de promoción tan importante e interesante que están facendo dunha arte centenaria que é unha icona dunha cidade como Compostela, e tamén de toda a sociedade galega, como parte do noso compromiso cun turismo de calidade que pon en valor a autenticidade do territorio e a nosa identidade"
A salmantina Plaza dos Bandos acolleu onte unha mostra da acibechería de Santiago, con exhibicións en vivo e mestres ourives, prateiros e acibecheiros que elaboraron en directo as xa recoñecidas "xoias de Compostela". Trátase dunha das actividades de promoción de Ourives de Compostela, que conta co apoio da Deputación, para poñer en valor esta tradición.
O presidente da entidade, Enrique Fink, agradeceu á Deputación a colaboración "para facer posible este programa de difusión a través do que estamos promocionando a provincia. Hoxe estamos en Salamanca, ademais, distribuíndo mostras de acibeche en bruto e dando a coñecer este oficio a través do que se difunde a imaxe da provincia como destino turístico, cultural e histórico".
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, apuntou que "respaldamos este labor de promoción tan importante e interesante que están facendo dunha arte centenaria que é unha icona dunha cidade como Compostela, e tamén de toda a sociedade galega, como parte do noso compromiso cun turismo de calidade que pon en valor a autenticidade do territorio e a nosa identidade". Regueira sinalou que "dende a Deputación estamos apoiando todo o plan director de Ourives de Compostela para dignificar o oficio, valorizar a súa profesión e autentificar as pezas". Un plan director que inclúe diferentes accións, como esta mostra en Salamanca.
"É un orgullo para nós ver a acibechería compostelá nunha cidade como esta, que está ademais en pleno camiño xacobeo, na Vía da Prata; un excelente escaparate da nosa artesanía, da nosa historia e cultura, que non deixan de ser Camiño de Santiago, acibeche, tradición centenaria e o talento e valor dos nosos profesionais e artesáns".