Estás en:Emprego Novas

Regueira destaca na II Gala do Turismo Barbanza – Arousa a importancia da colaboración público – privada “para mellorar a calidade, a competitividade e a sustentabilidade dos destinos turísticos”

O vicepresidente asistiu esta tarde á cita organizada pola Mancomunidade de Turismo Barbanza Arousa que tivo lugar no auditorio de Ribeira

"A cooperación entre administracións e o sector empresarial, o respecto e a lealdade institucional son os ingredientes do éxito do turismo e do territorio", sinalou o vicepresidente

Regueira destaca na II Gala do Turismo Barbanza – Arousa a importancia da colaboración público – privada “para mellorar a calidade, a competitividade e a sustentabilidade dos destinos turísticos”

O auditorio de Ribeira acolleu onte a II Gala do Turismo Barbanza - Arousa, organizada pola Mancomunidade do Barbanza Arousa co apoio da Deputación para recoñecer o labor do sector turístico da comarca. O vicepresidente, Xosé Regueira, destacou durante a súa intervención a importancia da colaboración público-privada, que posibilita "o éxito de proxectos como este de Barbanza – Arousa, de mellora da calidade, competitividade e sustentabilidade turística".

"A cooperación entre administracións e sector empresarial, o respecto e a lealdade institucional son os ingredientes do éxito deste negocio", sinalou Regueira. "E falo de negocio porque se trata de actividades económicas, con nomes e apelidos, que xeran un impacto moi positivo na contorna. Por iso hoxe sodes vós, as empresas, as protagonistas". O vicepresidente fixo referencia, ademais, á necesidade de "falar de futuro" pois, segundo matizou, "estamos nun momento doce na provincia e temos que esforzarnos para mantelo". Nese sentido, falou de "responsabilidade para facer as cousas ben" e para afrontar retos "como a sustentabilidade, a preservación do planeta, alongar a temporada e acadar rendibilidade".

Ademais, Regueira expresou o deber de "non perdernos nas macrocifras" e de "buscar un perfil de turista que valore e coide todo o que esta terra ofrece", apostando por unha estratexia que "nos fai máis competitivos e que xera oportunidades para a poboación local". O vicepresidente rematou parabenizando a todas as empresas premiadas, e dándolle as grazas "por apostar polo turismo, polo territorio, e pola súa conservación".

Precisamente, o obxectivo desta gala é recoñecer o labor e premiar ás empresas e servizos distinguidos no Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED). Así, fíxose entrega dos diplomas SICTED ás empresas participantes: un total de 49, das cales 16 empresas e servizos turísticos estrean o distintivo, e 33 renovan nesta anualidade; despois de superar as avaliacións deste selo de calidade no 2024. Entrega na que tamén participou o vicepresidente, Xosé Regueira.

O obxecto principal da implantación do SICTED é a mellora integral da calidade turística en Barbanza Arousa, apoiando ás empresas e servizos do territorio, outorgándolle as ferramentas necesarias para lograr un destino de calidade e sostible. A implantación deste sistema de calidade no destino está contando cunha moi boa acollida por parte das empresas xa que, en soamente 2 anos de percorrido, o número de empresas distinguidas é de 49 entidades de 18 oficios diferentes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X