Estás en:Emprego Novas

Éxito rotundo das actividades da Deputación na primeira xornada de Madrid Fusión

Os mostradores estiveron repletos de público durante toda esta primeira xornada, interesado polos produtos locais da Conserveira; San Isidro Bakery; Bonilla a la Vista; Ternura Empanadas; A Despensa d'Lujo; Chichalovers; Cafés Aruba e Hélio Loureiro

As actividades encheron tamén o espazo da Deputación de asistentes que se achegaron a coñecer os saberes e sabores da provincia: degustacións de Cafés Aruba, Chichalovers, A Conserveira e A Despensa d´Lujo; showcookings de San Isidro Bakery, Luis Veira, Beatriz Sotelo e Hélio Loureiro, xefe de cociña, gastrónomo e investigador portugués, e relatorio e cata de Luís Paadín

Éxito rotundo das actividades da Deputación na primeira xornada de Madrid Fusión

O espazo da área de Turismo da Deputación estreouse hoxe en Madrid Fusión 2025, e fíxoo cun rotundo éxito de asistencia durante toda esta primeira xornada. As diferentes actividades estiveron repletas de público, do mesmo xeito que os mostradores nos que diferentes produtores locais exhiben a súa materia prima, que contaron con colas durante todo o día formadas por persoas interesadas nos seus produtos.

Comezaba a xornada co aroma a café de Cafés Aruba (A Coruña) que ofreceu unha torradura de café en directo e degustación do seu café arábica 100% natural, e continuaba co xa coñecido panettone de San Isidro Bakery, elaborado por Lucía No López, nesta ocasión en vasiños con mango, crema de abelá e mousse de framboesa. Ao rematar, o catador e profesor de análise sensorial e servizo, así como técnico de viticultura e enoloxía, Luís Paadín ofreceu unha cata de Castes Ancestrais e elaboracións da provincia da Coruña e un relatorio sobre a domesticación da Vide: impacto do terroir nas variedades autóctonas da Coruña.

Ao mediodía, os fogóns do stand do Deputación estreounos o equipo de Beatriz Cotelo (Illas Gabeiras), que cociñou ante os asistentes unha tartaleta de San Simón, tartar de tenreira galega e salmoiras e feixóns verdes con mexillón de Ribeira, para posteriormente dar paso a Luís Veira (Árbore da Veira), que elaborou en directo unha muselina con ameixas e café e xurela con palomitas, queixo e amorodo. O xefe de cociña, gastrónomo e investigador portugués Hélio Loureiro impartiu o último dos showcookings do día, consistente nunha robaliza macerada con oblea de camarón. Pratos que sorprenderon a un público que saboreou non só a materia prima e o bo facer dos chefs, senón tamén a historia que hai detrás de cada receita e de cada proxecto de restauración, todas moi vinculados ao territorio e á orixe.

Ademais, a Despensa d´Lujo ofreceu unha presentación e degustación de fabada galaica con broa de millo corvo de Coristanco; A Conserveira, das súas conservas e Chichalovers dos seus produtos máis míticos como o chourizo ou os roxóns.

Nesta edición de Madrid Fusión ten tamén un especial protagonismo o municipio portugués de Matosinhos, froito do convenio de colaboración asinado entre a entidade provincial coa Cámara de Matosinhos para a conxunta promoción turística e gastronómica. Ademais do showcooking, Hélio Loureiro contou cun espazo de exposición permanente.

Foi tamén o caso da Conserveira; San Isidro Bakery; Bonilla a la Vista; Ternura Empanadas; A Despensa d'Lujo; Chichalovers e Cafés Aruba, que contaron con mostradores dentro do stand da Deputación, aos que asistiu un numeroso público profesional interesado nos seus produtos. Teñen, deste xeito, a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo ante un foro tan relevante para o sector como é Madrid Fusión.

Remata, deste xeito, a primeira xornada dun dos congresos gastronómicos de maior relevancia internacional, cun balance moi positivo para a Deputación, que encheu de público todas e cada unha das súas actividades. Mañá continuará a programación, repetindo os pases de Cafés Aruba, San Isidro Bakery, A Despensa d´Lujo, A Conserveira e Chichalovers, e incluíndo showcookings de Fabián Mouzo (O Camiño Fala, Mazaricos) e presentacións de Empanadas Ternura, Queixo Galmesán e Algas Mar de Ardora.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X