Estás en:Emprego

Val do Dubra recibe 858.000€ do Plan Único da Deputación neste 2025

A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, visitou esta mañá o municipio, onde estivo acompañada do alcalde, Diego Luis Díaz Méndez; do tenente alcalde, Antonio Negreira Noya e da concelleira María del Carmen Vilacoba Mourelle

A deputada puxo en valor o traballo do municipio e a "rapidez" na execución dos proxectos dos últimos anos, e sinalou que o Plan Único representa "a principal ferramenta de financiamento local" destinando, na fase inicial, 125 millóns de euros para os 93 concellos da provincia

Val do Dubra recibe 858.000€ do Plan Único da Deputación neste 2025

Val do Dubra acolleu a visita da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, que estivo reunida co alcalde, Diego Luis Díaz Méndez; do tenente alcalde, Antonio Negreira Noya e da concelleira María del Carmen Vilacoba Mourelle. Trala xuntanza, visitaron dúas das obras financiadas co Plan Único, que este ano destinou un total de 857.297,51€ a este concello, que forman parte dos 125 millóns que se destinan aos 93 concellos da provincia nesta fase inicial, sendo "a principal ferramenta de financiamento local" tal e como sinalou a deputada.

García Rey puxo en valor a "rapidez" de Val do Cubra na execución dos proxectos do Plan Único nos últimos anos, así como a "importancia" que ten para os municipios máis pequenos, como neste caso. "O Plan Único é esencial para mellorar as condicións dos nosos concellos, especialmente dos máis pequenos e rurais" sinalou, "e poder ver como grazas a el, os veciños e veciñas contan, por exemplo, cun pavimento que mellora o seu día a día substancialmente, é un gran orgullo, porque ese é, en esencia, o fin deste plan".

Cristina García tamén sinalou a importancia do plan para outros gastos municipais, pois "permite financiar servizos básicos municipais a través do gasto corrente, ofrendo aos concellos un alento económico para afrontar as elevadas competencias impropias que veñen asumindo nos últimos anos, cada vez máis."

Ademais, tal e como expuxo a deputada, o Plan Único "é tamén un importante impulso para a economía local, ao fomentar a contratación de pequenas e medianas empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados. Deste xeito, ademais de asegurar a execución de obras necesarias, tamén se fortalece o tecido empresarial local, xéranse oportunidades de emprego e contribúese a fixar poboación".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X