Atlántida
Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano da fundación da biblioteca ata a actualidade.

Rafael Dieste formou parte dese grupo de exiliados galegos que destacaron no panorama cultural arxentino da metade do século XX: aqueles que tiveron unha importante activade nos diarios nacionais, revistas literarias e culturais e na creación de selos e coleccións editoriais nun momento no que o país estaba a vivir unha especie de "Idade de Ouro" da industria editorial.
O escritor de Rianxo chega a Bos Aires en 1940 e comeza a traballar, da man da artista Maruja Mallo, na Editorial Atlántida, unha empresa de gran traxectoria xa nese momento. Dende entón e ata 1947 continuará nesta editora, chegando a ocupar o cargo de director e encargándose de dúas das coleccións mais destacadas: a Biblioteca Billiken e a Colección Oro.
A idea da colección Biblioteca Billiken era publicar libros de pequeno formato, ilustrados, de literatura clásica, biografías de personaxes célebres e, tamén, adaptacións dirixidas ao público infantil. A Colección Oro ocupábase de obras divulgativas -de todos os temas-, claras e didácticas, pero sempre amenas.
O pequeno libro ilustrado Los Misterios del Amazonas de Ramón Prieto, publicado no ano 1943, pertence a estas dúas coleccións. Unha obra aparentemente sobre xeografía, pero na que o propio autor -no prólogo- xa anuncia que "ficción e realidade danse a man", algo que lle serve para acercar ao gran público os misterios do Amazonas.