Regueira pon en valor no IV Foro Económico Galicia - El Español o papel do turismo como xerador de riqueza e oportunidades no eido local
O vicepresidente participou esta mañá na mesa redonda "Cara a onde vai o turismo en Galicia" do IV Foro Económico Español "La Galicia que viene"
"Dende a Deputación, apostamos estratexias pensadas para xestionar fluxos e para que os visitantes cheguen ao conxunto da provincia, porque todo o territorio ten un gran potencial, dende o interior ata a costa, pasando polas tres xoias urbanas, e situamos a gastronomía e a paisaxe como os elementos principais da nosa política de promoción turística"

"O turismo é unha actividade económica que xera oportunidades de emprego e benestar para a poboación residente e para o territorio, en canto á economía, fixación de poboación no rural ou emprendemento da mocidade", salientou hoxe o vicepresidente da Deputación no IV Foro Económico Español "La Galicia que viene". Regueira participou na mesa redonda "Cara a onde vai o turismo en Galicia" xunto ao director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o concelleiro de turismo e cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, moderada polo director de Quincemil, Pablo Grandío.
"Temos un país moi rico con centos de produtos turísticos que ofrecer no escaparate mundial" apuntou Regueira, "so na provincia contamos con 956 km de costa". O vicepresidente destacou que dende a Deputación "buscamos estratexias pensadas para xestionar fluxos e para que os visitantes cheguen ao conxunto do territorio da provincia, porque todo ten potencial, dende o interior ata a costa, pasando polas tres xoias urbanas, e situamos a gastronomía e a paisaxe como os elementos principais de toda a nosa política turística".
Como principal oportunidade, Regueira sinalou que "estamos nun país no que a xente vive e produce alimentos, capaz de ofrecer unha experiencia turística auténtica, que é o que busca ese perfil de turista de calidade". Ademais, puxo en valor o traballo conxunto entre administracións, e a colaboración público – privada: "temos un sector turístico con moi boa saúde, que aposta pola sustentabilidade e que ofrece unha experiencia turística en destino moi diversa e dunha gran calidade".
Sobre a "turistificación e turismofobia", Regueira afirmou que, no caso galego, "estamos todos implicados no coidado do turismo para que siga sendo unha actividade rendible para o territorio, a poboación residente e o sector". Neste sentido, sinalou que é preciso "anticiparse" e "buscar solucións administrativas a problemáticas globais que, aquí, aínda non son unha realidade". Concretamente, expresou que "necesitamos unha ferramenta legal actualizada que faga fronte ao crecemento turístico dos últimos anos, que protexa o negocio, o territorio e a poboación residente".