Estás en:Emprego

A Deputación e a Asociación Cultural Castelo Conta impulsan “Un monte para sempre”, un proxecto para achegar o medio rural á mocidade a través da cultura e a creatividade

A iniciativa desenvólvese en contornas naturais da provincia e inclúe obradoiros, concertos, accións ambientais e actividades interxeracionais para todos os públicos

A Deputación e a Asociación Cultural Castelo Conta impulsan “Un monte para sempre”, un proxecto para achegar o medio rural á mocidade a través da cultura e a creatividade

A Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Castelo Conta, con máis dunha década de experiencia na organización de actividades sociais e culturais no entorno do Monte Xalo, asinaron hoxe o convenio de colaboración para o proxecto "Un monte para sempre", unha proposta innovadora de carácter cultural, educativo e ambiental que busca fomentar entre a infancia e a mocidade o respecto, o coidado e a vinculación emocional co medio natural. A Deputación achega 40.000 euros para financiar a iniciativa.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, o secretario da asociación Álvaro Pérez Becerra e o deputado provincial e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, participaron na sinatura do convenio, que permite financiar unha ampla e diversa programación de actividades en contornas rurais e forestais, con especial atención á participación activa da mocidade e á transmisión de saberes entre xeracións. O proxecto está pensado para ser desenvolvido ao longo de diferentes puntos da provincia, con actividades adaptadas a distintos grupos de idade e perfís sociais, e coa vontade de implicar ás familias, á veciñanza e aos axentes locais.

Entre as propostas incluídas destacan iniciativas como "Un monte con TikTok", un obradoiro creativo dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos para reinterpretar o medio natural a través das redes sociais; "Retratos entre xeracións", que recolle en formato fotográfico as historias e os rostros das persoas maiores do rural; ou "Microconcertos no monte", pequenos espectáculos musicais en directo en plena natureza, para familias e público xeral. Tamén se desenvolverán actividades como "Unha noite no monte", que incluirá xogos, acampada e observación da natureza, ou "Un monte limpo", unha competición lúdico-educativa centrada na recollida de residuos e concienciación ambiental.

Outras propostas como "Videoclip rural" ou "Prantar un monte para sempre" afondan na recuperación do patrimonio inmaterial, o coñecemento tradicional e a acción comunitaria, mentres que a actividade "Vivir aquí" busca espertar nas novas xeracións o sentimento de orgullo e pertenza aos seus lugares de orixe, a través da convivencia, a natureza e a creación compartida.

O convenio supón un paso máis no compromiso da Deputación da Coruña co impulso de iniciativas culturais transformadoras que conecten co territorio e coas persoas, especialmente nas contornas rurais. "Un monte para sempre" pretende contribuír a crear unha nova cultura do monte como espazo de encontro, aprendizaxe, memoria e futuro, ofrecendo alternativas de lecer saudable, formación crítica e implicación directa coa realidade ambiental e social do país.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X