A Deputación da Coruña destaca o papel do asociacionismo empresarial no acto de entrega de galardóns da Asociación Área Empresarial do Tambre
A deputada de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou esta tarde no acto organizado pola Asociación Área Empresarial do Tambre, no que se recoñeceu a catro empresas pola súa traxectoria e polos 25 anos de cooperación no seo desta entidade empresarial. As empresas galardoadas foron AD Grupo Regueira, Gall-Esteril, Grupo Teleco e TVH Parts.
Durante a súa intervención, Rosa Ana García subliñou que "apoiar as empresas é apoiar o emprego, a innovación e o futuro dos nosos territorios", destacando "o papel clave que xoga o asociacionismo empresarial no fortalecemento do tecido produtivo e no desenvolvemento económico local".
A deputada sinalou que as empresas premiadas "representan un tecido empresarial diverso, innovador e sólido, fundamental para o dinamismo económico da comarca de Santiago e do conxunto da provincia da Coruña", poñendo en valor a súa capacidade de adaptación, crecemento e colaboración ao longo destes anos.
García puxo tamén o foco no papel das administracións públicas como "aliadas estratéxicas das empresas", defendendo a necesidade de impulsar políticas públicas que "melloren a competitividade, favorezan a innovación e contribúan á fixación de poboación, especialmente a través do apoio a áreas empresariais consolidadas como o polígono do Tambre".
Neste sentido, defendeu un modelo de desenvolvemento baseado na planificación, a sustentabilidade e o aproveitamento do talento local, como eixos fundamentais para garantir un crecemento equilibrado e sostible.
