Nace ‘Sons para un regreso’, un ciclo de concertos a cargo de antigas bolseiras da Deputación da Coruña
A área de Cultura dá a coñecer, a través desta primeira experiencia, o traballo de catro músicas que recibiron nas últimas dúas décadas bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos: Rosalía Gómez Lasheras, Patricia Cadaveira, Ana Yáñez e Alma Sarasola
Os concertos, que terán lugar no Teatro Colón os días 6 e 7 de xaneiro de 2022, incluirán conversas coas artistas que estarán conducidas polo xornalista cultural Anxo Quintela
O Nadal é tempo de volver. Ao longo de décadas e décadas, numerosas músicas e músicos da provincia da Coruña puideron formarse fóra das nosas fronteiras grazas ao apoio da Deputación. Porén, con demasiada frecuencia, son auténticas descoñecidas no seu propio fogar. Esta é a realidade que Sons para un regreso pretende remediar, dando visibilidade a eses talentos que, con carreiras enfocadas en diferentes ámbitos e especialidades, recibiron este patrocinio.
Os concertos, que terán lugar os días 6 e 7 de xaneiro de 2022, foi presentado esta mañá polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, pola directora artística do programa, Belén Bermejo, e por tres das artistas participantes, a guitarrista Ana Yáñez, a saxofonista Patricia Cadaveira e a trompa Alma Sarasola. "Desde que as bolseiras e bolseiros da Deputación soñaron con dedicarse de xeito profesional á música ata que conseguen desenvolver as súas carreiras con éxito, hai un camiño que merece a pena ser posto en valor e ese é o obxectivo de 'Sons para un regreso', que o público poidamos coñecer na voz das súas protagonistas que supuxo ser bolseiras da Deputación e como influíu na súas respectivas traxectorias" asegurou Xurxo Couto.
Pola súa banda, Belén Bermejo incidiu en que "dar a coñecer a traxectoria e os logros destas bolseiras é a mellor maneira de dignificar un traballo que, nalgúns dos casos, se desenvolve lonxe do noso país". Tamén aproveitou para salientar que "Sons para un regreso' visibiliza o compromiso e o esforzo da institución no apoio á formación artística e musical, esforzo que se remonta a hai máis dun século e do que se beneficiarían figuras tan recoñecidas como Andrés Gaos, Mercedes Goicoa ou mesmo Eugenio Granell, que foi violinista alén de artista plástico".
O Teatro Colón será o escenario escollido para as catro actuacións, que irán acompañadas de espazos de conversa para dar a coñecer mellor as artistas participantes e as súas traxectorias. O xornalista Anxo Quintela -premio nacional de xornalismo cultural- conducirá estas pequenas conversas, introducindo ás verdadeiras protagonistas, as bolseiras, nesta primeira edición todas mulleres, que veñen desenvolvendo unha carreira en solitario ou como integrantes de distintos tipos de agrupacións.
O día 6 será a quenda da pianista Rosalía Gómez Lasheras, intérprete de piano amplamente eloxiada pola crítica, que está a desenvolver unha intensa carreira concertística ao longo de escenarios de toda Europa, Oriente Medio ou Estados Unidos; e da saxofonista Patricia Cadaveira, quen combina a súa faceta creadora, tamén de bandas sonoras, coa de instrumentista e docente. Esta última subirá ao palco arroupada por Marés Sonoras, proxecto do que é cofundadora, que explora, con influencias que se moven do clásico ao jazz, diferentes conexións entre as músicas ibéricas.
O día 7 estará protagonizado polas propostas das tamén docentes Ana Yáñez, guitarrista que se presentará co trío de guitarras Tres Trastes, formación que afonda, con orixinais repertorios, na procura das diferentes posibilidades expresivas desta pouco usual combinación camerística; e Alma Sarasola, membro fundadora do Quinteto InVento, quinteto de vento que se centra tanto en repertorios propios deste tipo de formacións como na música contemporánea.
As dúas xornadas darán comezo ás 19 horas. Os concertos son de balde, previa retirada de convite a través da web ataquilla.com.