Estás en:Emprego Novas

O ciclo ‘Pioneirxs da música galega’ volve ao Teatro Colón para recuperar “Ti, Galiza” de Miro Casabella

Será o sábado 5 de marzo, ás 20 horas, e as entradas xa se poden retirar de balde a través da web do teatro

O ciclo ‘Pioneirxs da música galega’ volve ao Teatro Colón para recuperar “Ti, Galiza” de Miro Casabella

Vinte e catro anos despois da súa publicación, as cancións comprometidas, case himnos xeracionais, do álbum "Ti, Galiza", de Miro Casabella, soarán na voz do seu autor o sábado 5 de marzo no Teatro Colón. Será na segunda cita do ciclo 'Pioneirxs da música galega', unha iniciativa que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, logo de que Pilocha revisitase, o pasado 12 de febreiro, os temas doutro dos discos imprescindibles da música en galego dos anos 70, "Pilocha". As entradas xa se poden retirar de balde a través da web do teatro.

Co nome de 'Hai alguén?', Casabella e a súa banda ofrecerán un concerto singular no que repasarán, actualizadas, as cancións do que é un traballo fundacional na música de autor galega, onde teñen protagonismo os sons de instrumentos tradicionais, como a zanfona e o pandeiro, as letras de poetas como Luis Pimentel, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra ou Celso Emilio Ferreiro, e o espírito reivindicativo que Casabella herdou de cantantes como o portugués Zeca Afonso.

O público terá, como lembrou o deputado de Cultura, Xurxo Couto, na presentación do ciclo, "unha oportunidade histórica para recuperar, e mesmo coñecer, a música feita en galego na década de 1970, unha etapa crucial da nosa música e que, dalgún xeito, supuxo o cerne do gran momento musical que se está vivindo actualmente no país".

Miro Casabella
Ramiro 'Miro' Casabella, (O Valadouro, Lugo. 1946). Tras cursar estudos en Ferreira de Valadouro e Lugo, Miro emigrou a Barcelona en 1964, cidade onde rematou o bacharelato e estudou na Escola de Arquitectos Técnicos. Aínda que o seu interese pola música é temperán, a experiencia catalá meteuno en contacto co movemento da Nova Canço, que o marcou profundamente. O seu debut musical aconteceu no ano 1967 nesa cidade, acompañando a cantantes da Nova Canço Catalá. Foi tamén en Cataluña onde gravou os seus primeiros discos, a finais da década dos sesenta: Miro canta as súas cancións e Miro canta Cantigas de Escarnho e Mal Dizer. Ambos os dous traballos son EP's de catro cancións. O seu contacto co grupo Voces Ceibes tivo lugar a mediados do ano 1968, cando Benedicto e Xerardo Moscoso acudiron á capital catalá co gallo de gravaren os seus primeiros traballos. Miro integrouse no colectivo e mesmo chegou a participar do seu concerto fundacional en Compostela, o 1 de decembro daquel mesmo ano. Porén, o feito de continuar vivindo en Barcelona afastouno da meirande parte das súas actividades, sendo a longo prazo un dos factores da súa disolución. No ano 1969 coñeceu en Barcelona a Paco Ibáñez, con quen tivo unha longa amizade e ao que acompañou nos anos vindeiros en xiras polo Estado francés. En París coñeceu tamén ao cantor portugués exiliado Luis Cilia quen, nos seguintes anos, tocou en Galicia e no resto do Estado Español.

No ano 1970 participou no I Festival da Canción Ibérica xunto con Paco Ibáñez, Luis Cilia, Xavier Ribalta e Jose Afondo. Tamén nese mesmo ano tocou en París na Festa da Humanité, a festa do Partido Comunista de Francia, onde actuaron tamén figuras como Georges Moustaki, Paco Ibáñez ou Joan Baez. A finais do ano 1974 o grupo Voces Ceibes decidiu finalizar o seu proxecto e dar comezo ao Movemento Popular da Canción Galega onde, cunha perspectiva ampla, tiveron cabida múltiples artistas de distintos estilos. Nos anos seguintes, Miro participou en multitude de concertos e festivais, en Galiza e en toda a Península Ibérica, ademais de colaborar musicando pezas de teatro en galego e discos de historias para rapaces. A partir de 1976 a desaparición da censura franquista propiciou tamén a aparición dos seus primeiros traballos longos.

En 1977 viu a luz o disco "Ti, Galiza" onde figura (con letra de Xoán Manuel Casado), O meu país, unha das súas cancións máis populares. Un ano máis tarde publicouse "Treboada", con arranxos de José Mario Branco e a colaboración de Pi de la Serra. A composición que dá título a este segundo disco está inspirada no Cerimonial da Treboada de Tomiño. Ambos os dous traballos amosan unha peculiar mestura entre a canción de intervención social e a música tradicional, unha marca característica do autor, que ademais de inspirarse en formas populares e cantigas medievais, non desbota o emprego doutros instrumentos alén da guitarra, como a zanfona ou a arpa. A finais dos anos 70, Miro entrou en contacto co grupo folk DOA, que lle propuxo colaborar no que ía ser o seu primeiro traballo. O cantor incorporouse ao grupo, co que xa colaborara facendo arranxos, en labores de produción, e tamén como cantante nalgúns dos temas, aínda que a orientación do grupo seguía a ser eminentemente instrumental. A súa colaboración non foi máis alá do primeiro traballo (O son da estrela escura, 1979)  a principios dos anos 80.

O último traballo individual do cantor foio disco Orballo, do ano 2004, onde ademais de revisar algúns antigos temas, toca novamente a problemática social do pobo galego dende unha perspectiva contemporánea, cunha canción dedicada ao Prestige. Ese disco e o feito de seguir participando en concertos, convérteno no último representante de Voces Ceibes en activo, tras a morte de Suso Vaamonde e o abandono da carreira musical do resto dos seus formantes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X