Estás en:Emprego Novas

A Deputación presenta a serie ‘Premios de Teatro Rafael Dieste’ en edición bilingüe

A serie 'Premios de Teatro Rafael Dieste', editada pola Asociación de Directores de Escena coa colaboración da Deputación da Coruña, parte da filosofía de recuperar, estudar e difundir, tanto no orixinal en galego como en castelán, as obras galardoadas no certame desde os seus inicios

A Deputación presenta a serie ‘Premios de Teatro Rafael Dieste’ en edición bilingüe

O vindeiro mércores, 23 de marzo ás 19:30h, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda acollerá a presentación dos oito primeiros volumes que conforman a serie 'Premios de Teatro Rafael Dieste'. Trátase dunha colección en edición bilingüe, promovida pola Asociación de Directores de Escena (ADE) con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, que ten por obxecto difundir as obras galardoadas no certame Rafael Dieste desde os seus inicios.

Na presentación participarán o dramaturgo Manuel Lourenzo – un dos galardoados co Rafael Dieste-, a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, o co-director de publicacións de ADE, Manuel Vieites, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A filosofía desta edición bilingüe das obras gañadoras do Premio Rafael Dieste para textos teatrais parte da notoriedade que o certame ten acadado entre os que se conceden no ámbito teatral do Estado español, dunha banda, e pola historia que ofrece do panorama da literatura dramática galega actual, doutra. Desde a ADE tamén indican que o obxectivo desta serie é o de recuperar, estudar e difundir, tanto no seu orixinal en galego como en castelán, as obras galardoadas desde o nacemento do certame.

Todos os volumes ofrecen os textos orixinais nas dúas linguas, traducidos ben polos propios autores ou por outras coñecidas figuras do ámbito literario e teatral galego. Ademais cada volume conta cunha introdución e edición a cargo de profesionais do ámbito da investigación e da teoría teatral.

O primeiro volume, 'Ei, Feldmühle!' de Xesús Pisón foi traducido e editado por Inmaculada López Silva. O segundo, 'Días sen gloria' de Roberto Vidal Bolaño, fora traducido polo autor e editado por Eduardo Alonso. Séguenlle 'Matalobos' de Raúl Dans, traducido e editado por Roberto Pascual –gañador do certame en 2021-; 'Venenos' de Xesús Pisón con edición e tradución de Inmaculada López Silva; 'O serodio remordemento do amor' de Xavier Lama con tradución do autor e edición de Dolores Vilavedra; 'Magnetismo' de Manuel Lourenzo con tradución do autor e edición de Manuel F. Vieites; 'Doentes' de Roberto Vidal Bolaño traducido polo autor e con edición de Roi Vidal Ponte; e 'Ninguén chorou por nós' de Miguel Sande traducido polo autor e con edición de Manuel F. Vieites.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X