Estás en:Emprego Novas

Cultura da Deputación apoia preto dunha vintena de proxectos de especial relevancia social e cultural

A través da liña de axudas para a produción de proxectos singulares, financiará 19 propostas cun investimento total de 238.606 euros

Os proxectos aprobados abordan, desde o ámbito da cultura, temáticas como a diversidade funcional, a memoria colectiva, o deseño ou a posta en valor do patrimonio

Cultura da Deputación apoia preto dunha vintena de proxectos de especial relevancia social e cultural

A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia 19 proxectos de relevancia no ámbito social e cultural do tecido cultural privado. A través dunha liña de axudas en concorrencia competitiva destina neste 2022 un total de 238.606 euros a financiar iniciativas de empresas e axentes do sector para a produción de proxectos singulares.

Convén lembrar que esta liña de axudas, convocada desde o ano 2018, ten por obxecto apoiar as propostas culturais en lingua galega que acheguen valor engadido de carácter social, artístico ou patrimonial, a través de temáticas como a igualdade, a diversidade, a cohesión social, a memoria ou a innovación e a experimentación.

Neste sentido, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, salienta que "un ano máis, o conxunto das solicitudes presentadas amosan unha gran diversidade tanto temática como de formatos, que dan mostra do talento e da creatividade o sector cultural galego." Nesta edición, destaca un gran número de propostas que abordan a memoria colectiva desde diversas perspectivas, así como as dirixidas a público xuvenil e á difusión de diversos contidos a través de formatos interactivos e destinados ás redes sociais. Ao igual que en anos anteriores, tamén se inclúen proxectos relacionados coa diversidade funcional e colectivos en risco de exclusión.

Ademais das temáticas, as propostas aprobadas tamén contemplan unha ampla variedade de formatos como propostas escénicas, coreográficas, produtos audiovisuais como documentais ou vídeos de animación, intervencións artísticas sobre elementos patrimoniais ou propostas expositivas como a que conmemora o 30º aniversario do dúo cómico Mofa & Befa.

Tal e como se estipula nas bases da convocatoria, todos os proxectos aprobados achegan valores sociais, patrimoniais ou creativos adicionais e están promovidos por entidades lucrativas, empresas, compañías ou particulares do sector privado cultural.

Proxectos aprobados

  • ALGARABÍA ANIMACIÓN, S.C. Proxecto audiovisual de animación stop-motion de difusión sobre temática ambiental dirixidos a público xuvenil 
  • ALMEIRO S. COOP. GALEGA. Proxecto 'Inclusión e cultura dixital': iniciativa concibida para facilitar a axentes culturais e creativos claves e ferramentas prácticas para xerar espazos e contidos dixitais culturais máis inclusivos, desde a perspectiva da diversidade funcional, sensorial ou cognitiva. 
  • AMADO PAZOS, ANA BELÉN. Proxecto 'O lavadoiro': intervención efémera e performativa no lavadoiro de Artes (Corrubedo) que quedará rexistrada nunha peza audiovisual e na que participa un equipo artístico interdisciplinar, entre os que se contan Lois Patiño e David Chipperfield 
  • ANTAXURADA, S.L. Proxecto 'Xogando co Patrimonio': proxecto de educación do patrimonio para todos os públicos a través de actividades lúdicas e obradoiros participativos, incorporando unha metodoloxía participativa e a pedagoxía aplicada á interpretación do patrimonio e das ferramentas dixitais. 
  • ARTEFEITO PRODUCIÓNS, S.COOP.GALEGA. Proxecto 'Menos': peza escénica sobre a situación das persoas menores de idade en acollida e as súas dificultades de integración, co obxecto de trasladar ás táboas os seus conflitos e dificultades. 
  • BERROBAMBÁN, S.L. Proxecto 'Facer Memoria': espectáculos-encontro da narradora Paula Carballeira con persoas de distintas parroquias dos concellos de Carballo, Mañón, Outes e Teo, co obxecto de ofrecerlles voz ás lembranzas do público ao redor dos territorios onde se desenvolve esta acción escénica. 
  • LISTE FERNÁNDEZ, ÁLVARO. Filme documental "A unidade componse da desorde': documental cultural de creación ao redor de Xela Arias, que aborda a figura da poeta desde unha perspectiva familiar e intimista. 19.500,00
  • MIRAMEMIRA, S.L. Proxecto de divulgación da cultura audiovisual, mariñeira e ambiental da man da longametraxe Sica. Proxecto transmedia para achegar ao público xuvenil, a través dos oficios do cine, unha reflexión sobre o territorio, paisaxe, etnografía e cambio climático no territorio da Costa da Morte. 
  • MOURE FERREIRO, JOSÉ ANTONIO. Proxecto documental 'Monte do Pindo': documental que explora a relación entre a paisaxe natural e cultural dunha contorna, a do monte Pindo, ao tempo que dialoga sobre as formas nas que o ser humano se relaciona co medio ambiente. O filme será rodado ao longo dun ano co obxectivo de apreciar tanto os cambios paisaxísticos coma climatolóxicos, e como estes afectan tanto ao territorio coma ás persoas que o habitan. 
  • NOSO PLANS E PROXECTOS SOCIEDADE COOP GALEGA . Proxecto de elaboración dunha carta histórica dixital da cidade da Coruña: plataforma dixital interactiva de carácter didáctico, que recolle a historia da cidade a través de diferentes cartografías que mostran a evolución do asentamento humano, dende a prehistoria ata a actualidade. 
  • NOVA GALEGA DE DANZA, S.L. Proxecto 'Nós': peza coreográfica na que se conta unha historia que mostra o peculiar universo da creación desde a visión dun artista creador. O espectáculo inclúe cadros, evolucións coreográficas, paisaxes humanas que abordan, a través da coreografía, o proceso creativo. 
  • PRODUCCIÓNS TEATRAIS EXCÉNTRICAS, S.L. Exposición 30º Aniversario Mofa & Befa: proxecto itinerante que conterá material fotográfico, carteis, atrezzo, vestiario, proxeccións audiovisuais e elementos singulares do desenvolvemento da actividade teatral do dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira durante toda a súa traxectoria artística. Inclúe unha unidade didáctica dirixida a profesorado e alumnado dos centros de ensino secundario e de ensinanzas artísticas. 
  • PROMOVE CONSULTORÍA E FORMACIÓN, S.L.U. Proxecto Campus Vivencial con perspectiva cultural sobre de iniciativas e experiencias de éxito de desenvolvemento sociocultural en concellos de menos de 10.000 habitantes: Muros, Outes e Carnota 
  • RODRÍGUEZ ALVITE, ROBERTO. Proxecto "Pegadas": cómic dixital e interactivo que combina o formato vídeo xogo co mundo do cómic para trasladar ao eido dixital e interactivo hábitos de lectura 
  • SOCIALDOCS, S.L. Fighting Barriers: proxecto transmedia que toma como punto de partida o documental "Tomás Fábregas. Fighting Barriers, sobre a figura do activista na loita contra a SIDA e en defensa dos Dereitos Humanos. 
  • TEX 45, S.L. Proxecto 'Coa Terra nas Mans': proxecto documental modular sobre a pataca de Coristanco e a súa vinculación co pasado e presente da contorna 
  • TÍTERES CACHIRULO, S.L Proxecto "Tesouros das nosas vilas":  proposta teatral que parte da recuperación da memoria colectiva de diversos lugares e que a través de varios obradoiros coa comunidade local crea un relato específico que remata na representación final da obra. 
  • URBANLAB, S.L. Galicia Design Week, a semana do deseño galego: evento que pretende fomentar a conexión e intercambio da Coruña e Galicia co exterior, poñer en valor o seu tecido profesional e o seu patrimonio cultural, e formar a novas xeracións 
  • VIZUALS, S.L. Proxecto 'City of Agra': peza documental e contidos extra sobre o afundimento do mercante inglés City of Agra en febreiro de1897 en Camelle e a pegada que deixou na Costa da Morte 

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X